Site icon Crónica3.com A Mariña

Marta Rey: “É lamentable que o PP queira que os ribadenses paguen o arranxo do Pepe Barrera para que a Xunta non poña un euro”

Ribadeo, 14 de marzo de 2019.- A candidata do PSOE á alcaldía de Ribadeo, Marta Rey, lamentou este xoves que a Xunta de Galicia do PP non asistira á reunión convocada para que o Concello, a Deputación e o goberno galego buscasen unha solución para acondicionar o campo de fútbol Pepe Barrera.

Marta Rey censurou a actitude do candidato do PP, Daniel Vega, por esixirlle ao Concello de Ribadeo que gaste os fondos que recibe o municipio a través do Fondo de Cooperación Local. Debería darlle vergonza prometer que vai arranxar o estadio municipal con ditos investimentos cando este diñeiro corresponde aos veciños de Ribadeo pola súa participación nos tributos da autonomía. É un dereito, o único que fai a Xunta é transferir aos Concellos, en base a criterios obxectivos, os cartos que xa son deles. Isto non é ningún regalo do Goberno galego aos veciños de Ribadeo como pretende dar a entender o Partido Popular. Que clase de veciño de Ribadeo é para propoñer que sexan os veciños os que paguen o arranxo e non as institucións”.

“Que o señor Vega veña a Ribadeo a dicir que gastará os 425.000 euros, que nos pertencen por criterios obxectivos, para realizar as actuacións no campo de fútbol é unha tomadura de pelo. O que ten que facer o candidato do PP é pedirlle aos seus compañeiros da Xunta de Galicia que colaboren e destinen os 140.000 euros aos que se comprometeron, dende o primeiro momento, tanto o Goberno da Deputación como o Concello de Ribadeo. É ridículo que o executivo autonómico só destine 46.000 euros cando teñen un orzamento mil veces superior ás outras dúas administracións. Unha persoa que realmente defende os intereses dos ribadenses esixiría á Xunta que colabore cos mesmos cartos que o van a facer Concello e Deputación.” apuntou a candidata socialista.

A Deputación destina 5,1 millóns e a Xunta nada
Marta Rey puxo en valor os máis de 5 millóns de euros que leva investido o Goberno do PSOE na Deputación no Concello de Ribadeo durante estes últimos 4 anos “para construír a residencia e centro de día, atender a maiores co SAF Básico e a Teleasistencia Gratuíta, mellorar estradas provinciais, camiños e accesos, xerar novos postos de traballo ou colaborar coa celebración de actividades turísticas, deportivas e culturais na vila, entre outras moitas iniciativas”.

“En cambio, a Xunta de Galicia do PP non fixo nada por mellorar as prestacións públicas de Ribadeo. Non achegou nin un euro para o xeriátrico e pon continuas trabas para que non se poña en marcha, como conceder o PIA, imprescindible para poder abrir a residencia. Se de verdade quere traballar por Ribadeo o que ten que facer o señor Vega e pedirlle a Feijóo que deixe de paralizar este proxecto, vital para o desenvolvemento do Concello”.

Exit mobile version