Bons días compañeiras e compañeiros, empezamos marzo con mobilizacións, e seguiremos con mobilizacións, pois seremos solidarias con todos os colectivos que se mobilizan a cotío para plantarlle cara aos recortes, ás privatizacións que degradan os servizos públicos e as condicións laborais das traballadoras traballadores.
Seremos solidarias tamén coa loita que leva a cabo xa desde hai anos a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, esta Plataforma que semanalmente está a pé de rúa, no hospital, nos centros de saúde, concentrándose, manifestándose, ou axudando aos mariñáns a facer reclamacións diante da administración cando se vulneran os seus dereitos. Todo ese traballo que con moito sacrificio realizan os seus membros merece o recoñecemento e o apoio de todas nós, e por eso estamos e estaremos con el@s tamén en todas as mobilizacións para defender unha sanidade pública, universal, gratuita, de calidade e de proximidade.
E neste mes, no que se suceden efemérides arredor do 8 de Marzo que recordan a loita feminista ao longo da historia, estaremos tamén en todas as mobilizacións que haxa, pois como dice un dos nosos lemas: NON QUEREMOS SER NIN PRECARIAS NO TRABALLO NIN PRECARIAS NAS PENSIÓNS, e polo tanto estaremos nas mobilizacións feministas do día 3 de marzo en Lugo e o 8 de marzo en Burela.
E seguiremos insitindo diante de todas as forzas políticas para que defendan as nosa reivindicacións en materia de pensións, porque só se poderá blindar o sistema público de pensións asumindo e levando á práctica os puntos da nosa táboa reivindicativa:
– Derrogación das reformas laborais
– Aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos como consecuencia das reformas anteriores
– Supresión do factor de sustentabilidade. (a súa aplicación está aprazada ata 2023, mais é necesaria a súa desaparición)
– Pensión mínima igual ao salario mínimo interprofesional
– Recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
– Consolidación da actualización anual das pensións en base ao IPC
– Blindaxe do sistema público de pensións
– Pensións dignas e con poder adquisitivo
Colectivo de Xubilad@s e Pensionistas de Barreiros