Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, fai un chamamento a participar na manifestación pola sanidade pública que terá lugar este xoves

Ribadeo, 27 de marzo 2019. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, fai un chamamento a participar na manifestación pola sanidade pública que terá lugar este xoves, día 28.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña ten convocada unha gran manifestación que sairá do Hospital da Mariña ás sete e media da tarde da xornada de mañá, xoves, e tras percorrer as rúas de Burela rematará na Praza do Concello, onde se dará lectura a un manifesto.
Suárez Barcia sinalou que “desde o Concello de Ribadeo facemos un chamamento a toda a veciñanza para que saian masivamente á rúa a defender a sanidade pública”.
O rexedor considera que “existen motivos de sobra para saír á rúa, desde o aumento das derivacións cara a Lugo que se ven dando desde que se implantou a EOXI no ano 2013, os datos sobre os tempos de agarda para consultas, probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas absolutamente falseados, o desmantelamento da Atención Primaria, que afecta tamén ao noso concello, a Ribadeo, a falta de logopedia, fisioterapeutas, pediatras… E unha ampliación do hospital con máis metros cadrados, pero que non se viu acompañada dos máis e mellores servizos anunciados no seu día polo popular Daniel Vega”.
O alcalde de Ribadeo engade que “por estes e moitos máis motivos, sobran razóns para saír unha vez máis á rúa na defensa dun ben común: a sanidade pública da Mariña, a de todas e todos”.

Exit mobile version