Site icon Crónica3.com A Mariña

“O amor de Afonso Reimúndez” no Auditorio de Mondoñedo

Mondoñedo 24-3-19. O Auditorio Municipal “Pascual Veiga” de Mondoñedo foi o escenario sobre o que ser representou a zarzuela histórica “O amor de Afonso Reimúndez” que, con música de Xan Carballal e letra de Pepe Peinó, reuniu a medio centenar de actores e cantantes da Escola de Música O Pallarego de Mondoñedo. A zarzuela recrea a vida novelada de Afonso Reimúndez, que foi Rei de Galicia e de León e que foi o monarca que lle concedeu o título de cidade a Mondoñedo. Na obra, con partes teatrais e partes cantadas, aparecen personaxes históricos vinculados ó Rei Alfonso, como a súa nai Urraca; os esposos desta (Raimundo de Borgoña e Afonso O Batallador); o aio do protagonista (Pedro Froilaz), o famoso Bispo Xelmírez, señor de Galicia na sombra; as esposas do Rei, dona Berenguela e dona Rica; a súa filla Sancha e, sobre todo, a que foi o gran amor oculto de Afonso, unha nobre asturiana chamada Gontrada. Verdades históricas e tramas inventadas mestúranse para construír unha fermosa historia de 90 minutos de duración. O Salón de Actos tivo unha moi boa entrada e na representación participaron nenos e maiores, todos unidos por un ilusionado afán de facer cultura xuntos.

Exit mobile version