Site icon Crónica3.com A Mariña

O campamento xuvenil da Devesa, en Ribadeo, está a ser reacondicionado con máis de 600 exemplares de frondosas

Ribadeo, 20 de marzo de 2019.- A Consellería de Política Social está a reacondicionar o campamento xuvenil da Devesa, no municipio de Ribadeo, coa plantación de distintas especies arbóreas frondosas, introducindo en total máis de 600 árbores para repoboar por completo a superficie que ocupa este centro.

Esta actuación, na que colabora a Consellería do Medio Rural, responde á necesidade de substituír as antigas árbores, piñeiros e eucaliptos, que estaban danadas polo paso do tempo e podían chegar a poñer en risco as actividades que se realizan no campamento.

As plantacións realizaranse durante estas semanas coa previsión de rematar antes de abril se as condicións climatolóxicas o permiten. As árbores proceden do viveiro de Sambreixo, que xestiona Medio Rural en Guitiriz; ata o momento xa se trasladaron e plantaron 127 exemplares, os de menor tamaño que miden entre 1,5 e 2,5 metros de altura, e os labores continuarán co traslado e plantación de árbores que neste momento miden aproximadamente 4 metros.

A actuación significa a reforestación de todo o espazo que rodea as instalacións do campamento, se ben redúcese lixeiramente o número de árbores porque se amplía a distancia entre eles, hai maior variedade de especies e algunhas son máis voluminosas, e preténdese dar ao conxunto un aspecto máis natural e espontáneo, evitando a formación en filas.

En total, a Xunta plantará 30 carballos americanos, 200 liquidámbar, 60 bidueiros, 50 ameneiros, 50 freixos, 40 castiñeiros sativa, 55 pradairos, 40 cerdeiras, 30 faias, 15 cedros, 15 piñeiro de xardín, 10 nogueiras negras, 10 cipreses, 5 tilos, 5 capudres, 5 ginkgo biloba, 5 sobreiras e 5 tulipíferos de Virginia.

Exit mobile version