Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello agradece aos bombeiros de barreiros e aos outros corpos de seguridade a súa participación na exhibición e simulacro de rescates que tivo lugar o pasado domingo en Burela

Burela, 12 de marzo de 2019. O alcalde, Alfredo Llano, manifesta o seu agradecemento aos bombeiros de Barreiros pola exhibición e simulacro realizados o pasado domingo na praza do Concello, así como a presenza da Garda Civil, de Protección Civil, da Cruz Vermella e da Policía Local, para que a veciñanza coñecera de preto aos medios existentes na zona. O Concello ten a intención de organizar charlas e cursos de interese para a poboación que serán impartidos polos bombeiros do parque comarcal de Barreiros.
O alcalde dixo: “hai que agradecer a presenza de todos estes efectivos en Burela, que van seguir ao longo dos anos por toda A Mariña. É algo que é de agradecer porque dinos moi ben como é o seu traballo día a día e penso que a sociedade debe ser consciente do traballo que fai toda esta xente e do importante que é para que todo sexa normal e nos sintamos seguros coa súa presenza”.
Alfredo Llano subliñou que “hai que agradecer esa extraordinaria xornada que compartimos con eles o pasado domingo, día 10, e estaremos en contacto porque imos continuar cos bombeiros para facer cursos e charlas de interese para todo o mundo”.
A viaxe de Brandán, este xoves en Lugo
O rexedor burelés anunciou que este xoves, 14 de marzo, terá lugar a presentación en Lugo de A viaxe de Brandán. Será no Círculo das Artes ás 20:00 horas. Alfredo Llano explica que “Aviaxe de Brandán é a edición dun libro máis dun disco que ven recoller o que foi un traballo colectivo da Escola de Música de Burela. Un traballo onde houbo unha representación teatralizada e musicada durante unha tempada e ese traballo, que se levou adiante con todas as persoas que forman parte da Escola de Música, alumnos, profesores e participantes de fora, acadou un nivel extraordinario de cooperación e de compartir un traballo musicado. Desde o Concello tivemos a iniciativa de facer unha edición con toda a historia de A viaxe de Brandán máis o disco que recolle a representación desta obra. Xa fixemos unha presentación deste libro e do disco en Burela e como é moi importante que se coñeza este traballo colectivo imos facer tamén unha presentación o día 14 no Círculo das Artes en Lugo ás oito da tarde”.
Alfredo Llano salientou que “imos facelo alí porque consideramos que é importante que se saiba a labor que fai a Escola de Música de Burela, que se aprecie esta labor colectiva que é unha obra extraordinaria, moi bonita e motivadora para toda aquela xente que ten inquedanzas musicais. É un traballo representativo da labor que se fai na nosa Escola e esperemos que sexa aliciente para que continúen facéndose cousas desta índole tanto desde a nosa Escola como noutras Escolas de Música que poida haber na provincia de Lugo. Queremos invitar a todos aqueles que queiran estar nesa presentación, sexan de Burela ou non, para acompañarnos”.

Exit mobile version