Considero que esta alta participación é especialmente destacable tendo en conta que as condicións meteorolóxicas non foron de todo favorables, sobre todo durante o desfile do pasado martes. A pesar da chuvia, Viveiro tivo a oportunidade de desfrutar dun desfile que se está a consolidar como un dos grandes atractivos da programación de entroido, debendo salientar que nesta edición contou con máis de 400 participantes e na que puido constatarse que cada vez máis hai unha maior calidade. Entendo que parte deste éxito pode deberse aos esforzos realizados dende o concello para incrementar os premios e a participación, establecendo, por exemplo, unha axuda fixa a todas as carrozas participantes, entendendo que a súa presenza aporta vistosidade ao desfile. En canto aos premios entregados entre as Alpuxarradas e o Desfile do Martes de Entroido, cabe indicar que o Concello de Viveiro entregou máis de 7.000 euros desglosados do seguinte xeito: 600 euros nas Alpuxarradas, 1800 euros en axudas a carrozas e 4760 euros en premios para as distintas categorías (neste sentido hai que destacar que este ano se crearon as categorías específicas de infantil para fomentar a participación dos máis pequenos).
Así pois, en nome do Concello de Viveiro, a nosa gratitude a todos, veciños e visitantes, por facer posible que o Entroido de Viveiro 2019, con todas as singularidades que o fan especial, fose un éxito absoluto consolidándose como un dos grandes eventos da ampla oferta lúdico cultural deste municipio.
A alcaldesa
María Loureiro García