Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro recibe o plan de xestión de risco de inundación de Augas de Galicia

Viveiro, 22 de marzo de 2019. O pasado mércores chegou ao Concello de Viveiro, de forma oficial, en papel, o Plan Específico de Gestión del Riesgo de Inundación de la ARPSI Fluvial. ES014-LU-170101 Río Fontecova (Viveiro), remitido por Augas de Galicia. Trátase dun documento amplo, que inclúe un primeiro capítulo de introdución e obxectivos, e que despois se estrutura do seguinte xeito: descrición da zona de estudo, análise do evento extremo do día 18/11/2018, condicionantes do deseño e alternativas de medidas para minimizar o risco de inundación e resume de medidas propostas.
Nesta memoria plantéxanse as distintas accións e alternativas que se propoñen como medidas de protección, debendo ser estudadas e valoradas atendendo tanto á importancia das mesmas, xa que nalgúns casos son obras de gran embergadura (que afectarían, por exemplo, ao aumento da sección das pontes ou á diminución de viais) como ás administracións implicadas, tendo en conta que hai actuacións que afectan á Xunta de Galicia, outras ao Concello e Viveiro e outras á Deputación de Lugo. Estas actuacións implican, a priori, un custe elevado e está será outra das cuestións que cómpre valorar, tendo en conta que, no seu momento, Augas de Galicia comunicara que ese organismo sería o encargado de determinar as accións a executar e este Concello sería o encargado de levar a cabo, dentro das competencias municipais, as obras necesarias.
Agora que o Concello conta coa Memoria redactada por Augas de Galicia é o momento de comezar a traballar nas zonas máis afectadas polas inundacións do 18 de novembro de 2018 -como é o caso da zona da Carrapota, A Carreira e Xunqueira-, nas que non se puido intervir antes -como se fixo noutros puntos-por ser necesario contar co documento que Augas de Galicia acaba de remitir.
Para isto, convocouse unha reunión de traballo que terá lugar o vindeiro luns e na que estarán presentes os técnicos municipais co obxectivo de analizar o contido da memoria remitida por Augas de Galicia e determinar os pasos a seguir por parte deste concello para devolver a normalidade á zona afectada e estudar as medidas necesarias para evitar que este suceso volva a repetirse.

Exit mobile version