Site icon Crónica3.com A Mariña

O mariñao Francisco Pintado será o número dous de Ciudadanos ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo

Luns 25 de marzo 2019. O doutor Francisco Pintado Otero, actual xefe do servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da dor do Hospital da Costa ocupará o posto número dous da candidatura de Ciudadanos ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo.

O doutor Pintado ten 61 anos e é médico especialista no Hospital da Costa desde o ano 1987. Licenciado en Medicina e Ciruxía pola Universidade Complutense de Madrid, traballou antes de estar no Hospital da Costa no Hospital Clínico de Madrid e no Meixoeiro e no Hospital Xeral de Vigo. Vive na localidade mariñá de Burela.

Coa incorporación de Pintado Ciudadanos aposta por “sumar” a “persoas de recoñecido prestixio profesional procedentes da sociedade civil e cunha vida á marxe da política”.

Francisco Pintado acompañará na lista ao Congreso a José Manuel Blanco López, enxeñeiro de montes do Estado e actual jefe provincial da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Lugo, que encabezará a candidatura de Ciudadanos á Cámara Baixa.

José Manuel Blanco foi tamén subdirector de Espazos Naturais da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e nos anos 2008 e 2009 traballou na concellería de Medio Ambiente e Zona Rural no Concello de Lugo. Moi vinculado ao Courel, onde preside a asociación cultural San Xoán, José Manuel Blanco ten 40 anos, está casado e ten dúas fillas.

Como cabeza de lista de Ciudadanos ao Senado pola provincia de Lugo irá Víctor González García, diplomado en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela e Técnico Superior de Automoción. Traballa na actualidade como administrador de fincas na cidade de Lugo.

Exit mobile version