Site icon Crónica3.com A Mariña

“O postureo do Alcalde en políticas de muller e igualdade”, por Chema González Barcia

Seguramente que o alcalde de Burela, Alfredo Llano, tentará agarrarse á pancarta da manifestación do Día das Mulleres, o 8 deste mes, en Burela. As mulleres que asistan á manifestación, e tamén as que non asistan e, a sociedade en xeral, deben saber que leva feito Llano en materia de políticas activas pola muller e pola igualdade entre mulleres e homes.
Cando Llano chegou á alcaldía en 2015, tiña sobre da mesa un convenio Concello-Xunta para abrir como vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión unhas das vivendas do colexio dos Castros que o goberno municipal do PP desafectara e acondicionara. Todo quedou en nada. Tanto e así que, catro anos despois, as cousas seguen igual que estaban.
O anterior goberno do PP deixou elaborado e aprobado por unanimidade polo pleno da corporación o IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015-2017. A día de hoxe, non hai memoria de avaliación do seu cumprimento. Lembremos que nese Plan estaban incluídos, entre outras actuacións, rematar a vivenda de acollida antes citada e poñer en funcionamento un punto de encontro para fillos e fillas de parellas separadas. Nada se fixo. E aínda peor, o que debería ser o V Plan de Igualdade 2018-2020 está sen facer.
Tamén o anterior goberno do PP elaborou un Programa de Integración da poboación inmigrante, nomeadamente das mulleres inmigrantes. Non hai moito, Llano, nun pleno da corporación, denigrou tal Programa e negouse a elaborar un documento novo.
Sen ningún escrúpulo, a exconcelleira Patricia Otero empregou, segundo afirmou Llano nun pleno, o perfil oficial do CIM do Concello de Burela para divulgar información do PSdeG-PSOE alomenos unha vez. A día de hoxe, aínda non pediu desculpas.
Cando Patricia Otero dimitiu como concelleira, as delegacións de Muller e Igualdade foron asumidas por Alfredo Llano, menosprezando así ás mulleres que integran o grupo municipal socialista. Menos mal que hai un mes rectificou, pero, ainda así e todo, ningunha concelleira socialista relevou a Otero como tenente de alcalde.
Resumindo, e para que o saiba toda a sociedade, e non só as mulleres: en materia de muller e igualdade, a política de Alfredo Llano queda reducida ao postureo. Menos mal que non chirrría, xa que actúa igual en todas as facetas da vida municipal.

Exit mobile version