Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Ribadeo acada o compromiso de Campos Conde para colaborar na mellora do campo municipal Pepe Barrera

Ribadeo, 9 de marzo de 2019. A candidata á Alcaldía do PSOE no Concello de Ribadeo, Marta Rey, mantivo un encontro este sábado co Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, no que conseguiu o compromiso do Titular Provincial para colaborar na mellora do campo de fútbol municipal Pepe Barrera.

Marta Rey informou que “logo do encontro que mantiven co Presidente chegamos ao acordo para que o organismo provincial contribúa economicamente no proxecto de rehabilitación do campo de fútbol Pepe Barrera, que é empregado por uns 150 deportistas da SD Ribadeo e do Ribadeo”. A candidata do PSOE puxo en valor “o interese e a vontade de colaboración mostrada polo compañeiro socialista neste encontro, do que saímos cun acordo real para acondicionar o campo”.

Neste senso, a socialista explicou que, tal e como lle avanzou o Titular Provincial, “necesitamos unha implicación real tanto do Concello como da Xunta de Galicia pois trátase dunha obra fundamental e moi importante que precisa dunha colaboración en condicións e non duns 50.000 euros como avanza o PP”.

“Parécenos unha auténtica vergoña que o PP de Ribadeo anuncie este investimento ridículo tendo en conta que o orzamento estimado destes traballos é duns 400.000 euros. O Partido Popular está moi acostumado a facer moitos anuncios a través dos medios de comunicación pero poucos a través do DOG, que é onde se teñen que facer”, criticou.

Neste senso, a candidata do PSOE á Alcaldía de Ribadeo instou ao PP a que deixe de facer política de titular e consiga que a Xunta de Galicia do PP achegue investimentos reais cos que mellorar o día a día dos veciños da vila.

Exit mobile version