Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esixirá no Pleno Provincial que a Xunta aporte os 140.000 euros que destinan Deputación e Concello para arranxar o campo de fútbol Pepe Barrera

Lugo, 21 de marzo de 2019.- O PSOE esixirá no Pleno Provincial que a Xunta de Galicia do PP aporte os 140.000 euros que destinan Deputación e Concello para arranxar o campo de fútbol Pepe Barrera. Os socialistas levarán á vindeira sesión plenaria unha iniciativa instando ao goberno galego a que aporte un terzo do custo total do proxecto de renovación integral do estadio municipal, que ascende a 421.000 €, na anualidade 2019. En total, cada institución tería que achegar 140.000 euros.

O PSOE presenta esta proposta tras anunciar a Xunta de Galicia unha “pobre” axuda de 46.000 euros para colaborar coas obras de drenaxe e renovación do céspede ou incluso financiar a totalidade das actuacións mediante a utilización do Fondo de Cooperación Local. Para os socialistas esta última cuestión, ofrecida polo candidato do PP á alcaldía de Ribadeo, non deixa de formar parte “da demagoxia política do Partido Popular”, posto que estes fondos están destinados, ao igual que o Plan Único da Deputación a asumir gastos ordinarios de funcionamento dos Concellos, pero non para atender circunstancias extraordinarias como é o caso.

O Partido Socialista considera razoable que a Xunta de Galicia, atendendo as súas competencias no marco da Lei do Deporte e a súa capacidade de asinar convenios bilaterais extraordinarios tal e como se reflicte no DOG, incremente a súa participación no proxecto ata os 140.000 €, xa que a proposta actual de 46.000 € apenas representa un 10% do total.

Un céspede en moi mal estado
Na actualidade, o estadio municipal “Pepe Barrera” de Ribadeo é empregado por uns 150 deportistas tanto da SD Ribadeo como do Ribadeo FC. Sen embargo, son moitas as críticas tanto dos afeccionados como dos xogadores sobre o mal estado no que se atopa o céspede, o que obriga a adestrar e xogar aos equipos nunhas condicións lamentables poñendo en perigo a súa integridade física polo risco de lesións. A falta dun mantemento axeitado do terreo de xogo, a ausencia de drenaxes e unha previsión horaria mellorable no momento de poñer os partidos das categorías inferiores contribúen ao seu deterioro.

Exit mobile version