Site icon Crónica3.com A Mariña

O salón de plenos acolleu este sábado o pleno no que lle foi concedida a distinción de fillo predilecto de Ribadeo a título póstumo ao artista Suso Peña

Ribadeo, 30 de marzo de 2019. O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía o pleno extraordinario no que lle foi concedida a distinción de fillo predilecto de Ribadeo a título póstumo ao artista Suso Peña.
A sesión deu comezo coa benvida do alcalde, Fernando Suárez, aos asistentes a este solemne acto. A continuación o secretario, José Rodil, deu lectura ao acordo plenario no que se aprobou a concesión do devandito título a Suso Peña.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, foi o encargado de dar lectura á Laudatio sobre Jesús Manuel Peña Rego:
Señor Alcalde, D. Fernando Suárez Barcia, familiares de D. Jesús Manuel PEÑA REGO, xentes do mundo das artes, prezadas amigas e amigos do artista hoxe homenaxeado, señoras e señores concelleiros, veciños e veciñas de Ribadeo, amigos todos:
Hoxe, sábado 30 de marzo de 2019, reunímonos en sesión extraordinaria para render homenaxe a D. Jesús Manuel PEÑA REGO, o noso veciño e amigo Suso PEÑA, que en sesión plenaria celebrada o día 13 de marzo de 2019 foi nomeado, a título póstumo,FILLO PREDILECTO DO MUNICIPIO DE RIBADEO; ademais, queremos facerlle entrega á súa familia desta distinción honorífica neste acto público e solemne.
Século a século, a veciñanza de Ribadeo desenvolveu unha actividade cultural moi notoria, consonte a súa puxanza económica e comercial. Unha mirada retrospectiva ao noso pasado permítenos comprobar a pegada que foron deixando diferentes manifestacións artísticas tanto no eido da música como no teatral e no das artes plásticas. Con esta actividade proxectamos a nosa imaxe ben a través das actuacións das nosas agrupacións musicais, das xentes afeccionadas ao mundo da escena, ou daquelas persoas que por medio das artes da imaxe representaban a maxia das nosas paisaxes, o carácter das nosas xentes e a cerna das nosas tradicións. O labor e a influencia de veciños nosos como Dionisio Fierros ou Amando Suárez Couto, Benito Prieto Coussent ou Emilio Vior, entre outros, deixaron unha fonda pegada tanto nos salóns de moitas casas ribadenses, como, sobre todo, no maxín gorentoso da xente nova que devecía por ilustrar nos seus lenzos a vida e cor da bruma do Cantábrico ou do seu ceo rubién.
Suso Peña naceu case co verán de 1941 ben preto da Fonte dos Catro Canos. As rúas do casco vello, os xogos de luces e sombras dos amenceres ribadenses, as súas xentes, irían marcando a súa infancia, tamén despois no barrio de Xibraltar. Desde ben novo deu mostras do seu saber facer co lapis. Aos dez anos recibiría as súas primeiras clases de debuxo, impartidas por D. Emilio Vior, e organizadas pola Asociación ribadense “A Concordia”. Tal e como nos lembra D. Daniel Cortezón no libro homenaxe a Suso Peña, o noso homenaxeado foi un excelente alumno na primeira promoción do Instituto Laboral. O seu profesor, e posteriormente amigo, Dionisio Gamallo Fierros, chegou a comentarlle, ao rematar os seus estudos no Instituto, que podería estudar o que el quixer, pois a súa formación era ampla e completa, como ben acreditaba a súa matrícula de honra. Pero o noso veciño hoxe lembrado optou polo mundo da creación artística.
A viaxe iniciática que para moitos supuxo a prestación do servizo militar serviulle a Suso Peña para coñecer a varios compañeiros cos que configuraría o “Grupo de La Floresta”, nome que lle vén dado pola zona onde vivían, na localidade de Premiá de Mar, entre Badalona e Mataró. A súa vitalidade, propia dos tempos mozos, ía acorde co seu maxín. Mesmo chegaron a render contas nun cuartelillo da Garda Civil por mor dunha bandeira pirata que de seguro sería admirada polo colectivo Burla Negra. Pero a partir do verán de 1968, de novo Ribadeo ía ser o seu epicentro vital, aínda que, iso si, con vocación internacional.
No último terzo do século XX, Suso Peña soubo navegar polas augas do mundo das artes percorrendo case que os sete mares a través dos mercados de lingua inglesa, alemá e española: o mundo da historieta, o deseño gráfico, a fotografía e o debuxo estenderon o seu enxeño creativo como unha regalía para os nosos ollos. As editoriais Warren e Skywald gozaron do seu saber facer a través das súas historietas de terror; algún exemplar das Joyas Literarias Juveniles, ou de Kung Fu, levan a súa sinatura; El Senado de España, unha edición didáctica sobre o papel desta institución; a edición para as crianzas dunha escolma da obra do poeta de Celanova baixo o título Celso Emilio Ferreiro para nenos, así como varios retratos e debuxos a carbón e fotografía paisaxística, conforman unha ampla e variada obra na que nunca deixou de estar presente, vital, ou graficamente, o seu Ribadeo natal e a súa contorna.
A elección de Suso Peña por Ribadeo non pasou desapercibida ás veciñas e veciños ribadenses. E non só pola súa valía artística (que tamén), senón sobre todo pola súa valía humana e polo seu compromiso coa natureza, coa paisaxe e coa súa xente. Home de esquerdas, que sabía levarse ben con todo o mundo sen ter que renunciar ás súas ideas, sempre estaba disposto a botar unha man na creación dunha imaxe colectiva. A súa introdución no mundo do deseño gráfico foi frutífera. Cantos establecementos comerciais ribadenses luciron (e locen) rótulos deseñados por Suso! Publicacións e actividades de carácter cultural como as da Agrupación Francisco Lanza foron deseñadas por el. E cando algunha polémica construción afectou a restos arqueolóxicos como os da nosa praia de Marbadás, ou cando a ameaza nuclear roldou as nosas costas, alá estaba, como un veciño máis, Suso Peña. Lembremos senón os muros do colexio dos Menesianos, cara á rúa Reinante, co seu berro seco a xeito de grafiti contestatario fronte á posibilidade dun Xove, dunha Mariña, nuclear.
Por outra banda, cando a súa actividade creativa non o satisfacía completamente, logo mudaba de estilo e buscaba novos universos a través de novas técnicas. Os seus “estudos” sobre o noso vello Ribadeo, as súas investigacións sobre as aves na ría de Ribadeo ou os seus fondos a través da actividade subacuática, as súas pescudas sobre a flora, a súa paixón polos montes e os cabalos que por eles trotaban, a captación sutil da psicoloxía dos homes e mulleres da Galiza tradicional… todas estas inquedanzas viron a luz a través da ilustración, do debuxo a carbón, ou da fotografía, da man de Suso Peña.E mesmo foron a base de posteriores imaxes de carácter mitolóxico que idealizaban e enxalzaban as paisaxes e o pobo de Ribadeo. Mirar un carballo centenario.. e albiscar un gnomo. Mergullarnos da súa man na nosa ría… e atoparnos cunha serea que nos dea a benvida entre a Illa Pancha e a Punta de Santa Cruz. Ogallá o maxín das nosas crianzas emprenda viaxe a través destas lembranzas subindo ao sidecar dunha Bultaco conducida por Suso para percorreren estradas e camiños e coñeceren os nosos montes, a nosa costa, os nosos bosques e ríos, e cunha frauta artesanal poñerlle son a cada unha das cores, a cada un dos xogos de luces e sombras dun atardecer mariñao. Nestes momentos nos que tanto precisamos de novas ideas para defender a nosa posición, a nosa marca, nestaera dixital que tanto nos pode levar polo mundo enteiro como esvaecernos entre tanto número amorfo e despersonalizado, a capacidade creativa de persoas como Suso Peña debe ser posta en valor máis que nunca para que agrome na xente nova.
Non é casual, nin moito menos, que o movemento asociativo ribadense solicitara ao Concello de Ribadeo este recoñecemento como FILLO PREDILECTO. Así, a Asociación A Concordia, A Sociedade Filantrópico-dramática, a Coral Polifónica, ACISA, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, a Asociación mariñá Ta en artes, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o CIFP Porta da Auga, o Colexio Sagrado Corazón de Jesús, a Asociación de Veciños A Atalaia, o Colectivo 8 de marzo, Amarante Setem, a Asociación de Veciños O Tesón, o Colectivo Por nuestro Faro e a Asociación Cultural A Ronqueta solicitaron do Concello de Ribadeo o nomeamento de FILLO PREDILECTO do Municipio de Ribadeo para o artista Suso Peña, pois foi quen de se implicar intensamente na difusión dos valores de Ribadeo como pobo; e fíxoo tanto na súa propia terra como polo mundo adiante; e fíxoo como mellor sabía, coa súa maneira de ser tan xenerosa e a través do seu labor profesional. Xa que foi quen de se preocupar pola súa xente, pola sociedade na que vivía, polas xeracións novas ás que tanto lles aprendeu, aquí como por toda a Mariña, por todo iso, familiares e amizades de Suso Peña, por todo iso, facemos este acto, extraordinario, público e solemne, no que destacamos a concesión, a título póstumo, do nomeamento de FILLO PREDILECTO do Municipio de Ribadeo, a D. Jesús Manuel PEÑA REGO; para todas e todos nós, sempre na nosa memoria, Suso Peña, coa súa mirada máxica.
A viúva de Suso Peña recibiu de mans do alcalde e do concelleiro de Cultura o diploma acreditativo e tamén un pin conmemorativo. Ela agradeceu aos amig@s e asociacións que impulsaron este recoñecemento e ao Concello de Ribadeo a súa concesión.
Ao actos asistiron artistas, veciños e veciñas ribadenses así como representantes das asociacións que solicitaron esta distinción para Suso Peña.

Exit mobile version