Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas urxen á mediación da Xunta para resolver o conflito entre extracción de mexilla e de percebe

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 19. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, criticou hoxe a negativa do PP a unha proposta socialista chamando á mediación do goberno galego para resolver o conflito entre os mariñeiros dedicados á extracción de mexilla e os percebeiros. Alertou do conflito entre estas dúas especialidades ao coincidir as zonas de cría de mexilla –cría de mexillón- coas mellores zonas de aproveitamento de percebe.

Toja explicou que os mariñeiros que viven da extracción de percebe “séntense enormemente prexudicados pola xestión do goberno galego a favor dos bateeiros”, nun conflito que “afecta moi negativamente ás economías das vilas ante o silencio da Xunta”. Explicou que os bateeiros extraen a cría de mexillón –a mexilla- nas rochas nas que cría tamén o mellor percebe, unha cría que desbotan coa súa actividade.

Advertiu que os percebeiros “ven con asombro, rabia e impotencia o abuso que supón que se poida extraer mexilla por todo o litoral galego, destruíndo todo o labor de protección e coidado deste recurso”. Explica que “todos estes non serven para nada se logo o Goberno galego autoriza estas prácticas, que son legais pero que impiden o crecemento do percebe e desbota todo o seu traballo”, facendo que todo un sector se sinta indefenso e vítima dunha inxustiza.

Alerta dun conflito larvado ao que a Xunta está respondendo “coa súa estratexia habitual de manter ao sector dividido”, o que “da lugar a constantes enfrontamentos e conflitos nos que se bota de menos a xestión da Consellería do Mar”.

Reclamoulle así á Xunta que atenda ás peticións do sector dos percebeiros que demandan da intervención do goberno galego para “establecer zonas exentas de extracción de mexilla nas áreas de especial sensibilidade para o percebe galego”. Sinalou ademais ao resto das propostas presentadas polos percebeiros, que reclaman que os extractores de mexilla comuniquen ás confrarías onde van traballar, ademais de establecer controis de peso nos pósitos.

Exit mobile version