Site icon Crónica3.com A Mariña

Premios do VII Festi-Val de Cine de Alfoz e Valadouro

O Valadouro 17-3-19. Este pasado sábado 16 de marzo, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Valadouro, celebrouse a segunda edición do Certame de Curtas de Alfoz e O Valadouro, enmarcado dentro do VII Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro, o cal, organizado polo Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), está patrocinado polos concellos de Alfoz e O Valadouro, coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo.

Este ano os premios foron a parar ós seguintes filmes:

PREMIO DO PÚBLICO: “O preguiceiro”, dirixido por Paz Quiroga, profesora do Instituto Alfoz-Valadouro, que rodou a película cos seus alumnos de Teatro baseándose en diversos contos populares galegos. O filme xa obtivera o Primeiro Premio do Festival OuffEscola, encadrado dentro do Ourencine.

PREMIO Á MELLOR PELÍCULA DO VAL: “O río”, de José Ramón Leal, producido por Terra Branca Audiovisuais, de Ribadeo. Trátase dun fermoso e poético documental sobre o río Ouro, no que colabora o poeta Paco Rivas.

MELLOR PELÍCULA DO CERTAME: “Instrucciones para empezar a hablar gallego”, de Matías Nicieza, baseado nunha historia de Séchu Sende.

O gran triunfador da gala foi, polo tanto, Matías Nicieza, que na película gañadora explicou, dun xeito cómico e cheo de retranca, como son os prexuízos os que evitan que moita xente fale galego, como se fose unha cousa rara facelo. No filme, rodado en Burela e O Valadouro, participan actores de diversos grupos de teatro da comarca, como O Bordelo, Pico do Castro, Raiolas, O Centiño, etc. O gañador conseguiu de premio 300 euros e a figura emblemática do Castelo do Castrodouro fabricada pola fábrica de Sargadelos, segundo deseño do alfocense Pepe Blanco.

Exit mobile version