Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que o Centro de Saúde de Alfoz continúa a ser atendido por un só médico dos dous que hai

Alfoz 15-4-19. O Centro de Saúde de Alfoz está dotado de dúas prazas de medicina de familia, unha de enfermaría e outra de PSX (Persoal de Servizos Xerais), para atender a 1.566 cartillas, explican dende CIG Saúde A Mariña, que se desprazou hoxe até Alfoz para coñecer de primeira man a situación do centro médico.
FALTA DE COBERTURA DE PERSOAL.
A central nacionalista denuncia a falta de cobertura da baixa por enfermidade dende primeiros de abril dunha das dúas médicas do Centro de Saúde de Alfoz, na que un solo médico está atendendo a todos os usuarios, ademais das urxencias e das visitas domiciliarias. “Só este luns e antes de media mañá, o único médico tivo que saír a tres visitas domiciliarias, quedando o Centro de Saúde sen atención médica”, sinalan.

DETERIORO DA CALIDADE ASISTENCIAL.
Unha destas decisións, a de non substituír ao persoal cando está enfermo, de vacacións ou por outros motivos, o que está a ter como consecuencia é unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca, nun concello con alta dispersión xeográfica e envellecemento poboacional. “Alfoz é o cuarto Concello da provincia de Lugo con máis envellecemento da poboación», lembran.

FRACASO DO MODELO ACTUAL.
“Ten que haber un cambio de modelo, as EOXIs fracasaron e hai que volver ás xerencias de Atención Primaria con recursos e con capacidade de decisión porque o resto van ser parches”, manifestan dende o sindicato nacionalista.

RECORTES ORZAMENTARIAS.
“A deterioración brutal da sanidade pública está a converterse nun perigo para a saúde”, sostén a CIG, quen criticou que o goberno de Núñez Feijóo recortou “2.000 millóns de euros á atención sanitaria de primaria” e que a Atención Primaria a día de hoxe ten un orzamento con “188 millóns de euros menos que hai dez anos”.

DIGNIFICAR A ATENCIÓN PRIMARIA.
Dende CIG-Saúde A Mariña esixen a cobertura de todas as ausencias dende o primeiro día e consideran que “é básico rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio”, conclúen.

Exit mobile version