Site icon Crónica3.com A Mariña

Carmen Pomar mantén un encontro informativo coas direccións de centros de ensino da provincia

 Lugo, 23 de abril de 2019.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha reunión informativa con directoras e directores de centros educativos da provincia de Lugo na que se abordaron asuntos de interese para os equipos directivos en materia de transporte, comedores ou programas de innovación, entre outros. A xuntanza enmárcase nunha rolda de encontros que se están a desenvolver coas persoas directoras nas 4 provincias.

No encontro, desenvolvido na Delegación da Xunta en Lugo, explicáronse tamén as funcionalidades do Portal da Dirección, un espazo que a Consellería vén de poñer a disposición das persoas que ocupan estes cargos. Enmarcado no web do departamento educativo da Xunta de Galicia pero centrado nas ferramentas e funcións directamente vencelladas aos equipos directivos, o portal ten como obxectivo potenciar a comunicación directa entre a Administración educativa e as direccións dos centros e destas últimas entre si para resolver dúbidas ou poñer en común experiencias.

Dende o punto de vista estrutural, os contidos contemplan as ferramentas de maior uso, como un espazo de destaques e eventos moi intuitivo, tanto para os anuncios que afectan á vida cotiá dos centros, como para as convocatorias que realice a Consellería. O portal divídese en 7 seccións: novas, eventos, normativa, documentación, aplicacións, foros e preguntas máis frecuentes (FAQS). En calquera caso, trátase dunha base dinámica que se irá enriquecendo para adaptala ás necesidades que se vaian detectando.

Por exemplo, en FAQS poden atoparse respostas a cuestións sobre protección de datos, as axudas de libros de texto e material escolar ou o procedemento de admisión, entre outras, nas que a Consellería pode ofrecer respostas de carácter xeral. As cuestións máis concretas poderán abordarse, como é habitual, a través da Inspección educativa en cada centro.

Os foros, dirixidos a mellorar a comunicación entre os diferentes equipos directivos, estrutúranse nun xeral e outro dedicado a cada tipo de ensinanza (Infantil e Primaria, Réxime Especial…). O seu obxectivo é que neles se podan intercambiar novas experiencias, boas prácticas, novidades ou temas de interese xeral.

Pola súa parte, na sección de documentación pode accederse a circulares ou instrucións aclaratorias, así como aos formularios de uso común e protocolos; mentres que na de normativa poden realizarse buscas simplificadas de normas e acceder ás mesmas.

Ademais destas funcionalidades básicas, estase implementando unha ferramenta para gardar a documentación de uso común e necesaria na gobernanza do centro, que permita salvagardala en rede e compartila entre equipos directivos, así como outra para realizar as programacións e facilitar deste xeito o inicio do curso escolar.

Ao Portal da Dirección poden acceder as persoas que ocupan este cargo a través do seu enderezo electrónico e contrasinal.

Exit mobile version