Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “O suicidio demográfico”, por Pablo Álvarez Ramos

Anda o patio moi revolto, o galiñeiro algareado, non son tempos para a displicencia.
A vella Europa padece de senilidade e, aínda que en termos cuantitativos segue sendo un continente prospero, a perspectiva de futuro convida ao recelo e á desconfianza.
Nunha sociedade na que o sexo do ego e o culto ao individuo son centrais, vivimos somerxidos nunha depresión profunda pola falta de relevo. Moito máis medo que a propia morte ou a extinción, da a soidade inminente, a ausencia de futuro.
Non lles vou contar nada que non saiban: a paulatina defunción do sistema público de pensións é unha proxección futura que xa case ninguén discute, mais a talla do problema é moito maior: aínda mermados economicamente ¿serán os propios vellos os que coiden doutros vellos?
¿Imaxinan unha sociedade de anciáns onde os máis aptos asuman a atención dos dependentes? ¿Un mundo de vellos que teñan que seguir traballando para satisfacer as súas propias necesidades?
Segundo o INE a media de idade en España superou por primeira vez no 2018 os 43 anos, estando a media galega en 47,01.
A vella constitución española do ano 78 fixa no seu artigo 41 a obriga dos poderes públicos de manter un réxime de seguridade social para tódolos cidadáns, que garante prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade. ¿Como van a garantir os poderes públicos o estado social, si tanto a uns coma ao outro esgotounos a vellez?
Centos de técnicos dun lado e centos doutro estanse a rebentar na procura dunha solución: que si impostos a uns ou outros, que si máis intervención privada ou pública, que si pensións máis baixas… E namentres segue o seu camiño o tempo, seguimos envellecendo.
Dicía o proverbio da sabedoría popular: “só estamos aquí para deixarllo ben feito aos que veñan detrás”; lamentablemente, ou damos un xiro de timón, o só lles deixaremos cousas vellas…
Como a cuestión é dunha enorme complexidade non vou ser eu, na miña inxenuidade, quen de unha receita, aínda que constato unha realidade obxectiva: as comunidades inmigrantes coas situacións económicas máis comprometidas son as que están a salvar a taxa de natalidade no noso país.
Xa saben, o mundo está mal repartido, e o suicidio demográfico que está a vivir o vello continente contrasta coa superpoboación dunha parte do hemisferio sur. Antes do apocalipse xeriátrico compre depositar unha pouca de esperanza no re-axuste espontáneo da natalidade e da inmigración.

Exit mobile version