Cristina Pérez lembrou durante o acto as inquedanzas que ambos os colectivos trasladaron á delegación de En Marea nas xuntanzas previas. Deste xeito, a candidata ao Congreso reclamou “un reparto xusto para as cotas pesqueiras” e unha lexislación que contemple “as especificidades da pesca artesanal e a súa relación co mundo científico”. Non quixo esquecer reclamar a “adecuada promoción dos produtos do mar da Mariña” e reclamou que o Estado aposte claramente pola “profesionalización da profesión e o impulso ás titulacións”. “Sabemos que teremos que ser nós quen o reclame, porque os outros representantes públios galegos esquecerán o país así que entren pola porta dos Leóns” lamentou.
Pérez valorou positivamente o grao de inclusión e integración da comunidade caboverdiana en Burela, “o que demostra que un país emigrante coma o noso ten a porta aberta para todas as persoas que buscan a vida fóra do lugar onde naceron”. Neste sentido, a candidata reiterou que En Marea “defenderá sempre sociedades inclusivas, que respecten a pluralidade e a diversidade cultural, étnica e lingüística”e traballará dende as institucións contra os “discursos do odio que só procuran fragmentar ás maiorías sociais e rachar as redes de solidariedade que nos fan camiñar cara adiante como sociedade”.
A intervención de Pérez, moi ben recibida polo público, pechouse cunha idea que repite en cada visita ácosta luguesa: “non imos permitir que Mariña quede atrás”.