Site icon Crónica3.com A Mariña

“Homenaxe ao Pallarego”, por Antonio Reigosa

A Asociación As San Lucas e o Colectivo Mondoñedo É… como organizadores do Mondoñedo é poesía 2019 non quixemos deixar pasar este 1 de maio sen rememorar a obra e a figura dun mindoniense fundamental no devir cultural e social do Mondoñedo do s. XX. Cúmprense agora 120 anos do nacemento de Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’ e 85 exactos, sucedeu o 1 de maio de 1934, da histórica recuperación dos Maios, da que el foi parte fundamental, nos tempos da Segunda República.
Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’, o músico barbeiro, naceu no Barrio dos Muíños o 30 de xaneiro de 1899 e rexentou unha famosa barbería cabo da Fonte Vella desde 1916 ata o seu pasamento en xullo de 1964. Foi neno de coro e violinista da catedral, actor teatral, mecenas de operas primas de coñecidos persoeiros da vida xornalística e cultural de Mondoñedo como X. Trapero Pardo, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome ou o propio Álvaro Cunqueiro. Foi correspondente de El Progreso e presidente da Sociedad de Obreros Católicos. Un músico que interpretou, ensinou e musicou infindas letras, desde panxoliñas aos propios Maios, entre elas o coñecido Cantar das Coruxeiras, agasallo de afecto que el lle fixo ao seu íntimo “amigo irreprochable” e discípulo en tanta cousas, Álvaro Cunqueiro, con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega en abril de 1963.
Creou comparsas de Antroido, coros e rondallas, recompilou coplas e cantos populares, e ata foi coleccionista de selos. Fundou e dirixiu o coro e a rondalla El Eco, a Rondalla Mindoniense e a Escola de Música da Fundación Lodeiro Piñeiroa.
Na barbería do Pallarego perderon literalmente as barbas ou o cabelo moitos individuos que representaron a intelectualidade laica e relixiosa de medio século de historia mindoniense. Barbas e cabelos que se mesturaban cos rasurados ás xentes do común, tanto do espazo urbano como das aldeas veciñas, e incluso os pelames de moitos personaxes de ficción (Soleiro de Azúmara ou Pardo das Pontes), fillos da fantasía dalgúns destacados clientes que por alí se achegaban.
O concello de Mondoñedo púxolle o seu nome á Escola de Música Municipal en 1997 e hoxe tamén o leva a agrupación musical creada na súa memoria pola súa filla, Remedios Ledo Vizoso.
A barbería do Pallarego foi un crisol onde se fundiron e mesturaron tres culturas e tres linguas: a cultura popular, a teolóxica e a burguesa, expresadas invariablemente naquel entón e por esta orde nas tres linguas oficiosas: galego, latín e castelán.
A min gustaríame que, sen tardar, xuntando a memoria familiar a través da súa filla, Remedios, o que se conta na monografía que lle dedicou o profesor Francisco Mayán, “Manoel Ledo Bermúdez, O Pallarego”, publicada pola Deputación Provincial en 1991, e os artigos que lle dedicou Álvaro Cunqueiro (con capítulo específico que recollese as partituras dos cantos do grilo, do cuco ou do sapo) trouxésemos ao presente unha máis ampla e extensa biografía dun personaxe fundamental para a cultura mindoniense.
A Mondoñedo cómprelle un Álvaro Cunqueiro, un Pascual Veiga ou un Manuel Leiras Pulpeiro, mais do que nunca debéramos prescindir é de ter na axenda da ilusión de cada día un Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’.

Antonio Reigosa -cronista oficial de Mondoñedo

Exit mobile version