Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz salienta a implantación de novas empresas no polígono industrial de Fazouro, onde este xoves se inaugurou unha nova firma

 Foz, 26 de abril de 2019. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, salienta a implantación de novas empresas no polígono industrial de Fazouro, onde este xoves se inaugurou unha nova firma. O rexedor subliña a boa situación do parque empresarial focense, que está no centro da Mariña e pasará moi preto del a nova autovía A-74.
“Desde o equipo de goberno do Concello de Foz queremos mostrar a nosa satisfacción polo repunte neste último ano de implantación de empresas no noso polígono industrial de Fazouro. Proba deste crecemento é a última firma que no día de onte inaugurou as súas instalacións, Metalux, que se encarga de subministrar material eléctrico e de fontanería para multitude de empresas da zona e de toda a provincia. Esta únese a outras moitas que o fixeron este último ano, como Todocampo, que ten subministros para xardinería e agrarios, ou mesmo tamén Estrella Galicia, que montou unha nave importante de distribución para toda A Mariña. Ademais está a construción dun gasocentro na zona do polígono. Todas están moi próximas, na parte traseira do parque empresarial, o que demostra que vai crecendo e que ten, sen dúbida, un futuro moi importante”, explicou Javier Castiñeira.
O alcalde engade que “o potencial que ten o polígono de Foz, ademais de estar no centro da Mariña, é moito maior sabendo que en poucos anos, probablemente unha vez se rematen xa os proxectos e comecen as expropiacións, poderá iniciarse tamén o enlace co corredor da Mariña, que comunicará coa autovía A-8”.
Castiñeira manifesta ademais que “a implantación de novas empresas é moi boa nova para o noso polígono de Foz e quero aproveitar para desexarlles moitísima sorte a todas estas firmas que se instalan aquí e que confiaron no noso concello, precisamente no noso polígono, para desenvolver os seus negocios. Polo tanto moita sorte e moito ánimo, e estamos contentos e satisfeitos porque o polígono de Foz segue sendo atractivo para os industriais de A Mariña”.

Exit mobile version