Ferreiro sinalou “en Galiza somos uns dos maiores produtores de enerxía eléctrica pero, pola contra, pagamos unha das facturas máis altas de Europa pola electricidade que consumimos”. A candidata do BNG incidiu na importancia de que Galiza teña un voz propia en Madrid por que “as políticas enerxéticas están marcadas dende o goberno do estado e a día de hoxe ninguén mira, nin pensa en Galiza, á hora de lexislar, unicamente se teñen en conta os intereses das grandes empresas eléctricas”.
O alcalde do BNG, Manuel Requeixo, explicou que toda a poboación de Muras recibe ata 500 euros anuais por fogar para facer fronte ao pago da electricidade e asegurou que se está traballando para incrementar a repercusión, no concello, dos beneficios da produción eléctrica. Dende a implantación deste sistema unha parte dos cartos que o concello recada como canon pola produción eléctrica repercute directamente sobre a calidade de vida das persoas que viven en Muras.
UNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA
O BNG aposta pola creación dunha tarifa eléctrica propia. Maite Ferreiro dixo que “non é certo que a lexislación o impida por que en Euskadi xa se aplica unha tarifa reducida para empresas que son electrointensivas e tamén para outras ás que se lles facilita a súa implantación e permanencia” e engadiu “o caso de ALCOA é moi significativo do que significa ter ou non ter o control sobre a enerxía que se produce no propio país”.