O Centro de documentación aglutinará no espazo cedido polo Goberno local a biblioteca da Federación Galega de Espeleoloxía, así como as memorias de todas as exploracións que se fixeron en España e a documentación da antiga Federación Española. Son, tal e como explica o presidente da Federación Galega e secretario da Confederación Española, Francisco Manuel Martínez García, preto de 3.000 volumes que serán organizados nunha primeira fase para, nun futuro, poder ser dixitalizados.
A disposición de federados e público en xeral
Martínez García precisa ademais que varias federacións autonómicas amosaron o seu interese por achegar novas publicacións, que pasarán a formar parte do centro. Toda a documentación estará á disposición dos federados, así como do público en xeral baixo solicitude previa.
A rexedora, a popular Elena Candia, agradece o interese da Confederación e da Federación Galega por emprazar o Centro Español de Documentación Espeleolóxica en Mondoñedo, o que permitirá que a cidade pase a ser, xunto coa Cova do Rei Cintolo, “un referente imprescindible no mundo da espeleoloxía” ao sumar “este importante reclamo”.