Site icon Crónica3.com A Mariña

“O Estado ten que romper o concordato co Vaticano que protexe aos negocios da igrexa de pagar impostos” dixo Maite Ferreiro

 Lugo, 25 de abril de 2019. “Resulta totalmente anacrónico que existan negocios que non tributen, que fan competencia desleal a outros similares que están obrigados a pagar impostos e esto é debido a un concordato asinado no ano 1979 entre o Estado Español e o Estado Vaticano” dixo Maite Ferreiro. A candidata do BNG anunciou que o BNG levará ao congreso, a partir do 28 de abril, iniciativas para que se eliminen as discriminacións e os favoritismos por razón de ideoloxía relixiosa. Ferreiro lembrou que “recentemente o Papa recoñeceu nunha televisión española que a Igrexa debía pagar os seus impostos”.

Maite Ferreiro sinalou que “para o BNG resulta especialmente sangrante o caso do negocio de aparcadoiro que a igrexa está a explotar na cidade de Lugo e que non está a tributar igual que o fan o resto de empresas implantadas no concello”. No caso do aparcadoiro do seminario de Lugo a igrexa católica acóllese a esta lei de mecenazgo para evitar pagarlle ao concello de Lugo o IBI polo negocio de aparcadoiro. “Unha cousa son os lugares de cultura, que tamen son patrimonio, e outra os negocios” dixo Maite Ferreiro.

Para o BNG resulta especialmente grave que a igrexa se ampare na lei de mecenazgo para evitar o pagamento de impostos polos negocios empresariais que posúe e que están en competencia directa con outras iniciativas empresariais que teñen a obriga de tributar. No caso do resto dos inmobles é un acordo establecido entre o estado español e o estado vaticano, no ano 1979, o que exime de pagamento aos edificios adicados ao culto, residencia do clero, semanarios, etc… “Esta é unha decisión que se toma dende as cortes do estado e por iso o BNG e Galiza teñen que ter voz en Madrid” dixo Maite Ferreiro.

Exit mobile version