Neste taller, coordinado por RETNOVA Proxectia Consulting, analizáronse os diferentes mitos sobre o amor, a sexualidade e as prácticas sexuais. Ademais os e as participantes puideron coñecer máis a fondo conceptos como a identidade de xénero, orientación sexual, transexual e transxénero, entre outros.
A andaina do programa CATUXA continuou coa actividade de “Intelixencia emocional, social e habilidades persoais” nese mesmo centro co grupo de 4º da ESO e anteriormente no IES Vilar Ponte de Viveiro procedeuse cun novo grupo de 3º, tamén da man de RETNOVA.
A través desta actividade, na que o alumnado fixo fincapé na importancia de afondar nesta temática para traballar nas súas fortalezas e debilidades a través dos seus testemuños, dotouse aos alumnos e alumnas de ferramentas para xestionar as súas emocións e mellorar a empatía, autoestima, seguridade e avanzar en respecto e igualdade.
A semana que ven retomaranse as actividades co último grupo de 3º da ESO do IES Vilar Ponte e o alumnado de 3º da ESO do IES Plurilingüe San Rosendo do concello de Mondoñedo.
Está dispoñible o teléfono de atención da Unidade de Xénero para Adolescencia do Programa CATUXA: 604067520
Pódese seguir a actualidade do programa CATUXA en Instagram e Facebook cuxo perfil é @programacatuxa.