Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz presenta unha candidatura renovada “para ofrecerlle aos veciños un futuro mellor”

Foz, 7 de abril de 2019.- O candidato do PSOE á alcaldía de Foz, Francisco Cajoto, presentou este domingo a súa lista para as próximas eleccións municipais. Fíxoo nun acto no que participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a candidata socialista ao Congreso, Ana Prieto, e o Secretario da agrupación focense, José María Linares, xunto a Alcaldes, compañeiros e veciños do municipio mariñán.

Francisco Cajoto agradeceu aos integrantes da lista a súa valentía “porque non é doado tomar estas decisións”. Explicou que os socialistas presentan unha candidatura nova e dinámica, representativa do núcleo de Foz e das parroquias do rural. “Imos a traballar día e noite para cambiar a dinámica negativa na que ten sumido o Alcalde do PP a Foz”.

O socialista aproveitou para poñer en valor todo o traballo feito polos Alcaldes socialistas en Foz, “primeiro con Pepe Paz, logo con Martín Bertrán e despois con Pepe Barrela. Permitíronnos saír dunha crise económica na que estaba sumida o Concello e fixeron grandes investimentos, sobre todo para mellorar as infraestruturas. Foron, sen dúbida, os mellores anos de Foz, porque cando ao PSOE lle vai ben, aos focenses vailles ben”.

Cajoto subliñou que “se gañamos as próximas eleccións municipais presentaremos uns orzamentos realistas, cunha planificación das actuacións e priorizando a mellora das estradas, os alumeados, o saneamento e as traídas de auga no noso rural. Volveremos a ser un Concello transparente que ten en conta aos veciños nas decisións e non como agora, un goberno do PP hermético e inaccesible para a cidadanía. Queremos que todos os autónomos de Foz teñan as mesmas oportunidades para realizar obras no municipio e non como ocorre na actualidade. Impulsaremos que os servizos municipais sexan totalmente públicos e non subcontratados a empresas privadas como fai o señor Castiñeira debido á pésima xestión durante este mandato. Poremos no lugar que se merecen as nosas fermosas praias, representativas de Foz e que neste tempo de desgoberno do PP non se atenderon chegando a perder bandeiras azuis”.

“Eu tiven que marcharme fora porque aquí non había oportunidades e sei o difícil que é marchar da túa casa, da túa familia e da túa xente. Non quero que ningún veciño se vexa nesa situación e para iso imos a traballar os socialistas, para darlles aos focenses un futuro mellor. Faremos que os veciños estean orgullosos de ser de Foz e de vivir en Foz.”.

2 modelos contrapostos
Santos Ramos destacou que “os investimentos que traemos os socialistas ao Concello de Foz son reais e repercuten directamente no día a día dos nosos veciños a diferenza do que fai o Partido Popular, que non ofrece ningún novo investimento público aos nosos veciños nin dende o Concello nin dende a Xunta. O único proxecto que anunciaron para Foz é a dotación dunha depuradora que está sen executar. Ese é o modelo do PP, anunciar e prometer medidas que nunca se levan a cabo fronte ao do PSOE que fai posible que os fondos públicos cheguen a todos os cidadáns e verdadeiramente repercutan nas súas vidas. Fomos os socialistas os que rehabilitamos integralmente a N-642, fomos nós os que impulsamos o proxecto da A-74, fomos nós os que subimos as pensións que permiten que os veciños de Foz conte con 600.000 euros máis ao ano, sempre é o PSOE o que achegue investimentos. En 8 meses de goberno revitalizamos e puxemos en marcha servizos públicos básicos como a sanidade, a educación ou as infraestruturas que arrebatara o PP en 7 anos. E o que imos facer tamén en Foz con Francisco Cajoto á cabeza”.

O PSOE no Goberno da Deputación achegou máis de 2,7 millóns
Campos Conde puxo en valor os investimentos que os socialistas destinaron no Concello de Foz durante este mandato. “Distribuímos máis de 2,7 millóns en base a criterios obxectivos porque a diferenza da Xunta, nós traballamos para todos os cidadáns independentemente de quen goberne e da súa cor política. Grazas a estes cartos Foz hoxe ten alumeados públicos, traídas de auga, saneamentos, camiños e accesos arranxados e pode atender aos seus maiores. En cambio a Xunta de Galicia non fixo absolutamente nada en Foz e iso que está de Delegado do goberno un mariñán. Hoxe é un día de alegría, aquí entre amigos, respírase socialismo e estou convencido de que Cajoto será o próximo Alcalde socialista de Foz”.

Actuacións do Goberno Socialista de Pedro Sánchez en Foz
Ana Prieto puxo en valor algunha das actuacións que levou a cabo o Goberno de Pedro Sánchez durante este ano como a subida do SMI aos 900 euros, o dereito a paro para maiores de 52 anos, a ampliacións do permiso de paternidade ás 16 semanas ou o aumento das pensións, do que se beneficiaron máis de 3.000 veciños de Foz.

Unha candidatura para volver á alcaldía
“Presentamos unha candidatura forte e ilusionada para volver á alcaldía e gobernar para todos os veciños de Foz”, salientou Francisco Cajoto. Os integrantes da lista do PSOE son os seguintes: Francisco Cajoto Caserio, Héctor Moris Fernández, Acela Verónica Peña Castiñeira, Ana Matea Rojo Eijo, José María Linares Rodríguez, Inés López Couto, Carlos García Rodríguez, María Milagros Louzán García, Francisco Javier Fraga Fernández, Katherina Asunción Alonso Machado, Carlos Fernández Oliveira, Maria Luisa Piñeira Núñez, José Ramón Villarino Neira, Ana Casas Trelles, Marcos Paleo Otero, Vanina Cabrera Sánchez e Jesús Pérez García. Suplentes: Raquel Franco Rey, Miguel Antonio Pena Ares, Beatriz López Rey, Jesús Gerardo Pillado Núñez, María Nelly Castro Neira e Alexander Fernández Castillo.

Exit mobile version