Site icon Crónica3.com A Mariña

A candidatura do BNG do Valadouro está a presentar o seu programa á veciñanza estes días, incidindo nas súas propostas estrela e matizando afirmacións incertas doutros candidatos

 O Valadouro, 19 de maio de 2019. A candidatura do BNG do Valadouro está a presentar o seu programa á veciñanza estes días, incidindo nas súas propostas estrela e matizando afirmacións incertas doutros candidatos:

-Xestión dunha bonificación no recibo da luz (tomando exemplo do Concello de Muras). Aproveitando os ingresos dos parques eólicos presentes no concello, traballarase na redacción dunha ordenanza para regular bonificacións no recibo doméstico da luz.

-Xestión do solo industrial baixo dúas premisas: Ubicación apropiada e procura as axudas das diferentes administracións.
Respecto a isto, debemos aclarar algo que o PSOE local anda a terxiversar nuns vídeos subidos á rede: As parcelas adquiridas hai tempo como asentamento dun hipotético polígono industrial non foron mercadas grazas ás axudas de ningunha administración pública, senón cos ingresos xerados pola veciñanza do municipio.

Do mesmo xeito, o sr. Maseda mantén nesas gravacións propagandísticas algo que tampouco se cinxe á realidade, pois o éxito do banco de libros para os escolares locais non foi unha iniciativa súa, senón do BNG local, quen presentou unha moción demandando o devandito servizo; así naceu un proxecto que libera dun grande desembolso ás familias con fillos en idade escolar.

-EMPRENDEDORES (axudas e incentivos), TERCEIRA IDADE (creación dun Centro de Día e xestión dos desprazamentos ao hospital en colaboración cos taxis locais) e mellora dos SERVIZOS MUNICIPAIS (adquisición dun vehículo de extinción de incendios e creación dunha praza de policía local pensando no control de plantacións e xestión das vías forestais) serán outros dos eixos fundamentais no plan de goberno do BNG.

-ACCESO Á VIVENDA (creación dunha bolsa de vivendas, redacción do PXOM e construción de novas vivendas sociais), AXUDAS Á INFANCIA E Á MOCIDADE (continuarase cos incentivos á natalidade instaurados polo BNG local e co banco de libros, e por suposto, loitarase pola recuperación do servizo de pediatría no centro de saúde) e MELLORA DE INFRAESTRUTURAS (creación dunha escola de música municipal e implantación de escolas deportivas, hortos urbanos, recuperación da pista hípica de andadura e habilitación dunha piscina infantil nas actuais instalacións) supoñen outro dos eixos deste programa pensado para a reactivación social do Valadouro.

-A DEFENSA DO NOSO MEDIO concretarase en iniciativas como incentivar a plantación de especies forestais autóctonas, exixir o cumprimento da ordenanza sobre vías forestais por parte das empresas madeireiras e protección, recuperación e control dos espazos arqueolóxicos.
Na cuestión do tratamento dos RESIDUOS, incidiremos na recollida dos plásticos procedentes dos silos e a recollida selectiva de lixo no rural.

Exit mobile version