O programa da viaxe inclúe a visita a diversos elementos patrimoniais dos concellos de Monforte de Lemos, O Saviñao, Sober e Ferreira de Pantón. No primeiro dos concellos visitaremos o Monte de San Vicente, co seu Palacio e Torre, a Fortaleza dos Castro e a Igrexa e convento de San Vicente. A continuación desprazaremonos ao Convento da Compañía ou dos Escolapios, pasando polo burgo medieval, a igrexa de San Domingos, a Calexa, a rúa do Cardeal, rematando na Ponte Fontecha sobre o rio Cabe.
A excursión continuará polo Saviñao e Ferreira de Pantón. Así, na primeira das localidades, acudiremos á igrexa de Santo Estevo de Ribas do Miño, un canto románico ao sol en figuras maxistrais nos canzorros, xanelas, arcos, columnas, tímpanos, presidida polo señor do Sol. A seguinte das paradas será en Ferreira de Pantón onde visitaremos a igrexa e convento das Bernardas e San Miguel de Eiré, un lugar chave para observar o encanto ribeirao do románico e o interior destas terras. O xantar realizarase na casa de turismo rural Torre de Vilariño, un enclave incomparábel na parroquia de Fión no concello de Saviñao.
A xornada de tarde decorrerá polas terras de Sober e as ribeiras do rio Sil. Os espazos que se vistarán serán a igrexa de Bolmente, unha lección popular do románico e a súa evolución, o santuario de Cadeiras e os cavorcos do Sil, os miradoiros de Soutochao e Pena do Castelo en Doade, á visita aos ceramistas de Gundivós, rematando cunha visita con viño e petisco a unha adega da denominación de orixe Ribeira Sacra. Unha vez completado este percorrido regresaremos á Mariña.
A asociación A Pomba do Arco quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a participar dunha viaxe que a bon seguro non os decepcionara. As persoas interesadas no mesmo deberán inscribirse antes do 31 de maio no email apobadoarco@gmail.com ou no telefone 608-555-010. O custo da viaxe é de 33 euros, incluíndo o desprazamento á zona en autobús e o xantar na casa de turismo rural Torre de Vilariño.