Site icon Crónica3.com A Mariña

A xerente de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense anima a participar nos cursos de formación gratuítos

 A Mariña, 23 de maio de 2019. A xerente de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Tania Hermida, anima a participar nos cursos de formación gratuítos que organiza este ente no marco do convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia e que terán lugar nas vindeiras semanas. O de inglés básico para axentes turísticos está destinado a todas aquelas persoas que teñen contacto cos turistas en aloxamentos, restaurantes, transportes, información ou comercio. Este celebrarse en Viveiro os días 29 e 30 de maio e 5 e 6 de xuño e en Foz será os días 3, 4, 10 e 11 de xuño. E o curso para a mellora da oferta gastronómica en produto local está destinado á restauración da comarca da Mariña e será impartido en Foz os días 3, 4, 10 e 17 de xuño e en Viveiro será os días 11 e 18 de xuño. A inscrición estará aberta ata o dous días antes ao de inicio dos cursos. O número de prazas é limitado.

Tania Hermida dixo esta mañá que “dende Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense queremos recordar e animar a todo o mundo a participar nas últimas accións formativas para axentes turísticos que se poñen en marcha baixo o convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia”.

E explicou que “se trata de dous cursos, un taller de inglés básico para axentes turísticos dirixido a todos aqueles profesionais que teñen contacto co turista, isto é aloxamento, restauración, transportes, información ou comercio, que teñan pouca ou moi escasa formación en inglés. Tamén haberá un curso práctico para a mellora da oferta gastronómica en produto local, que esta dirixido principalmente ao persoal de cociña das empresas de restauración da comarca”.

A xerente de Turismo da Mancomunidade sinalou “os cursos preséntanse tipo obradoiro, de tal forma que despois sexan prácticos e aplicables no día a día para os asistentes. Son cursos gratuítos e poden participar neles profesionais do sector en activo ou desempregados vinculados ao mesmo. O número de prazas é limitado polo que lles recomendamos aos interesados que accedan ao formulario de inscrición a través da nosa páxina de Facebook de A Mariña Lucense Turismo, escribindo un e-mail ao correo formacion@amarinalucense.gal ou chamando por teléfono ao número 654 089 894”.

Tania Hermida indicou que “os cursos terán lugar entre o 29 de maio e o 18 de xuño en Foz e Viveiro. O taller de inglés básico comezará en Viveiro o próximo 29 e 30 de maio e 5 e 6 de xuño, e en Foz os días 3, 4, 10 e 11 de xuño. No caso do curso práctico para a mellora da oferta gastronómica en produto local, subdivídese en tres clases de tres horas de duración cada unha. Por un lado, temos o de oferta vexetariana que só sería impartido en Foz, o 3 e 4 de xuño, a escoller un dos dous días. Tamén habería unha clase de deseño de cartas, o 10 de xuño en Foz e o 11 en Viveiro, e unha de produto local e ecogastronomía que terá lugar o 17 de xuño en Foz e o 18 en Viveiro. De todos modos no formulario de inscrición que se pode atopar na nosa páxina de Facebook aparece toda a información detallada. Tamén a xente nos pode contactar a través do correo electrónico formacion@amarinalucense.gal ou por teléfono no número 654 089 894”.
A xerente de Turismo da Mancomunidade lembrou cal é o fin último dos cursos: “o curso de inglés ten por obxectivo a práctica de conversas específicas relacionadas coa recepción, atención e xestión das demandas dos visitantes. No caso do curso en mellora da oferta en gastronomía local, son tres. Co curso de oferta vexetariana o que se persegue é a ampliación e diversificación da oferta vexetariana apostando polo produto local, ademais de saber qué ofrecerlle aos clientes que consumen só vexetal, levando a cabo o cociñado de varias propostas. Para o deseño de cartas, mostrarase como deseñar e redactar a carta dos establecementos que ofrecen restauración, a lexislación que aplica, viños e sobremesas, alérxenos e a xestión económica da mesma. Por último, na clase de Ecogastronomía mostraranse alternativas de uso do produto local e de tempada cociñando varias propostas en formato tapas e con marcado interese en representar os produtos tan diversos que ofrece a costa e o interior da Mariña”.

TALLER DE INGLÉS BÁSICO PARA AXENTES TURÍSTICOS (de 18:00 a 20:00 horas)

Viveiro (Aula CEMIT. Claustros de San Francisco)
29 e 30 maio
5 e 6 xuño

Foz (IES Hostelería Foz)
3 e 4 xuño
10 e 11 xuño

CURSO PRÁCTICO PARA A MELLORA DA OFERTA GASTRONÓMICA EN PRODUTO LOCAL (de 17:00 a 20:00 horas)

Foz (IES Hostelería Foz)
3 e 4 xuño Clase Oferta Vexetariana (*esta clase só será en Foz e repite contidos)
10 xuño Clase Deseño Carta
17 xuño Clase Ecogastronomía

Viveiro (Casa do Forno, Celeiro)
11 xuño Clase Deseño Carta
18 xuño. Clase Ecogastronomía.

MAIS INFORMACIÓN
formacion@amarinalucense.gal
CURSO INGLÉS Tfn + 653 560 815 (Claudia del Pino)
CURSO PRODUTO LOCAL Tfn + 617 461 723 (Lucas Requejo)

Exit mobile version