Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita en preto de 450.000 euros as obras de mellora da estrada LU-161, que conecta Landrove (en Viveiro) e Ferreira do Valadouro

 Viveiro, 1 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar no Portal de Contratos de Galicia as obras de mellora na estrada LU-161, que conecta Landrove (Viveiro) con Ferreira do Valadouro, ao seu paso polos municipios de Viveiro, Ourol e O Valadouro. O orzamento reservado para esta actuación é de preto de 450.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro con Óscar Rodríguez e co deputado Jaime de Olano na que lles trasladou as novidades no proceso de contratación desta obra. Así explicou que as empresas interesadas en concorrer á licitación teñen de prazo ata o día 27 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución das obras será de cinco meses e a previsión é que estean rematadas este mesmo ano.

A intervención consistirá en reparar as partes que presentan deterioro mediante fresados localizados e posterior reposición con mestura bituminosa a carril completo, ao longo de 9,5 quilómetros obxecto de mellora.

Os traballos implicarán o reforzo do firme en varios treitos desta estrada: entre Chavín (á altura do punto quilométrico 2,680) e As Lobeiras -pq 11,130-; e tamén ao percorrido entre os puntos quilométricos 14,990 e 16,000, en Santa María de Vilacampa (O Valadouro) .

A estrada LU-161 é unha das principais vías de conexión de Viveiro cos concellos do interior e a súa mellora contribúe a garantir unhas comunicacións modernas e seguras e favorecer a calidade de vida dos usuarios desta estrada e da veciñanza da zona.

Exit mobile version