Site icon Crónica3.com A Mariña

Aclaracións do Sergas sobre os subministros no centro de saúde de Foz

A Mariña 31-5-19. En resposta á CIG Saúde sobre a falta de subminitro do centro de saúde de Foz, o Sergas aclara os seguintes aspectos, que en absoluto se corresponden coas afirmacións do sindicato:

En primeiro lugar, dicir que o servizo de subministración de material do Sergas non está privatizado.

É o propio Sergas quen compra o material, sanitario e non sanitario, necesario para os seus centros de saúde e hospitais, e quen o subministra, a través da súa Plataforma Loxística. Nos últimos anos non houbo ningún cambio neste senso.

Dende hai anos a subministración de material a todos os centros do Sergas realízase dende a Plataforma Loxística do propio Servizo Galego de Saúde, que conta con máis de dun cento de traballadores e máis dunha trintena de vehículos que reparten todos os pedidos solicitados polos diferentes centros.

Todos os centros de saúde, incluido o de Foz, reciben o material solicitado dende o propio centro, segundo as súas necesidades, demanda por parte do centro e o que precisan en cada momento. Cada centro ten pactadas as cantidades que consumo e que ten que ter almacenadas para facer fronte ás súas necesidades asistenciais, xa que eles son os mellores conocedores das súas necesidades.

Os centros de saúde contan cun sistema automatizado de petición de material, denominado de doble caixón, que foi pactado, insistimos, cos propios profesionais de cada centro, e a través del solicitan o material necesario, tanto sanitario como de oficina.

Calquera necesidade extraordinaria ou urxente solicitada dende o propio centro é subministrada fóra dos prazos habituais de entrega.

Insistimos, o servizo non está privatizado. Todo o material é adquirido polo Sergas entre as empresas que se presentan aos distintos concursos, sendo unha das condicións primordiais para a adxudicación dos concursos a calidade dos produtos subministrados para o seu uso nos distintos centros.

Grazas a esta Plataforma redúcese e optimízase o uso do espazo dedicado ao almacenamento nos centros sanitarios e o propio traballo dos profesionais, que teñen máis sinxela a xestión dos pedidos, e maior tempo para adicar á asistencia sanitaria.

Existe, tamén, unha progresiva homoxeneización dos produtos mercados eliminando a disparidade existente entre os distintos centros. Polo tanto, o centro de saúde de Foz recibe o mesmo material que os outros centros, segundo as súas demandas e necesidades, que volvemos a salientar, son pactadas cos profesionais. E ante necesidades urxentes solicitadas envíaselles o material preciso.

Por outra banda, salientar que o Sergas tipifica e controla as incidencias na prestación do servizo o que contribúe a medir e mellorar a calidade do servizo recibido. Este servizo é máis rápido que era antes, polo tanto non é certo que se tarde máis en atender as peticións.

Exit mobile version