Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ana Ermida, o triunfo da perseveranza”, por Félix Jorquera

A que será alcaldesa de Barreiros non é unha muller grande pero si é unha gran muller. Ana atesoura cualidades que a levaron a unha victoria electoral meritoria por traballada o pasado domingo. Unha desas características que a define é a tenacidade. Ermida leva moitos anos, malia súa xuventude, traballando con rigor por mudar o Concello no que naceu. Non decaeu nos intres nos que ese traballo non se reflectía en votos, porque Ana é desas persoas que se moven inquebrantablemente polo convencemento.
Outra gran facultade que explica o éxito político da primeira alcaldesa nacionalista da Mariña é a afectividade que crea ó seu carón. É por ilo que o equipo que a acompaña síntese partícipe e cómodo nesa aventura, non sempre agradecida, da política local. Ana sabe ver o mellor das persoas, e iso é algo do que pouca xente pode presumir. É líder por como fai, non por como di.
Ana collerá o bastón coas ideas claras. Traballo e transparencia serán, seguro, os rasgos da súa xestión. Con afiliación política dende ben nova, Ermida ten esa preparación que a converte en respectuosa. A miña experiencia dime que canto máis firmes e afianzados tes os teus ideais, máis capaz es de entender, dentro do diálogo, o dos rivais.
A nova alcaldesa chega cos conceptos nimios da política municipal que quere levar a Barreiros, ten onde mirar e non moi lonxe, xa que Ribadeo é ese espello no que o nacionalismo mariñán se sinte identificado e orgulloso. Mais Barreiros ten unhas particularidades distintas que a nova rexedora saberá entender para convertelo noutro Concello referencia.
Podería ser que as espectativas espertadas non se visen satisfeitas porque Ermida non esté á altura do cargo. Nese caso, chegado o intre, escribirei un artigo lamentándoo, mais moito me temo que non será preciso.

Exit mobile version