Site icon Crónica3.com A Mariña

Aparece un fungo xigante nas inmediacións do bar San Pedro, en Alfoz

 Alfoz 25-5-19. Do tamaño dun pan de dous quilos, hai poucos días apareceu un fungo colosal a escasos metros do Bar San Pedro (Correlos, 19 -Mor, Alfoz). Trátase dun exemplar da especie que tradicionalmente denominan fungasapos ou parrocho fumeiro, pois estes fungos, brancos e de escaso peso, adoitan conter unha especie de po que semella fume se se estoupan.
Toda a veciñanza acode estes días ao Bar San Pedro para admirar o fungo prodixioso, pois normalmente son de tamaño inferior a un puño de adulto, mais o encontrado en Correlos supera todo o coñecido.
Ademais de darse nos prados onde paceu o gando, poden nacer nas esterqueiras, e o único animal que o consome son os caracois e as lumachas, de feito este exemplar apareceu con indicios de ter sido encetado por este tipo de bichos.
Permanece exposto no exterior do Bar San Pedro e todos os días é fotografado por ducias de persoas que desexan inmortalizar o fenomenal fungo.

Exit mobile version