Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro acusa ao Alcalde de Ribadeo de intentar confundir aos veciños “con excusas e falsos argumentos” sobre a perda de subvencións da Xunta

Lugo, 23 de maio de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acusa ao alcalde de Ribadeo de intentar confundir aos veciños e veciñas “con escusas e falsos argumentos” sobre a perda de subvencións autonómicas.

Balseiro engade que “o que engana á poboación é o alcalde” para agochar o feito evidente de que renunciou a unha axuda da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a mellora da rúa Pintor Fierros. “O resto son escusas porque non consta que realizara ningunha outra solicitude de mellora desa rúa na Xunta de Galicia”, afirma.

En canto ás axudas do Fondo de Compensación, o delegado explica que Ribadeo non ten dereito á liña non competitiva -que compensa aos concellos que dispoñen de instalacións eólicas que pagan o canon eólico- e o proxecto que presentou na liña competitiva non alcanzou a puntuación mínima necesaria para ser subvencionable.

Neste sentido, Balseiro asegura que “os baremos das axudas autonómicas son públicos e obxectivos, e o que hai que facer é axustar os proxectos ás bases”. A proba de que non hai outra fórmula nin intereses ocultos, asevera, “podémola atopar nos obradoiros de emprego, que tamén paga a Xunta e Ribadeo levounos a pares nos últimos anos”

O delegado asegura que o alcalde “está empeñado en facer ver que a Xunta non inviste en Ribadeo, unha mentira que non pode demostrar”. Ben ao contrario, Balseiro lembrou que a Xunta investiu máis de 5 millóns de euros no municipio no pasado ano, ademais de sustentar ao 100 por cento os servizos fundamentais, como os colexios e institutos, o centro de saúde, a gardería, o centro sociocomunitario ou o Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia, ao que destinou 350.000 euros”.

A través do Fondo de Cooperación da Xunta, o concello recibiu 425.000 euros que pode destinar ás obras e servizos que estime prioritarios. “Só con esta partida xa igualamos o que lle da a Deputación a través do plan único, porque a realidade é que a Xunta é a Administración que máis inviste en Ribadeo, superando o que invisten as outras administracións xuntas, incluído o propio concello”.

Exit mobile version