Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro confirma que se pode mellorar a estrada de Viveiro a Cabreiros sen partida orzamentaria específica e acusa á alcaldesa de opoñerse a todas as propostas da Xunta

 Lugo, 23 de maio de 2019. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou hoxe que a Xunta de Galicia ten intención de acometer a mellora da estrada de Viveiro a Cabreiros, e criticou á alcaldesa do municipio por “responder sempre con críticas ás propostas da Xunta, poñendo pegas en vez de alegrarse polos veciños e veciñas”.

Balseiro engadiu que “a alcaldesa debería saber que non todos os proxectos contan cunha contía específica nos orzamentos”. Así, as contas autonómicas contemplan unha partida xenérica de 75 millóns de euros para obras en infraestruturas viarias na que ten cabida esta actuación.

O delegado afirmou que a Xunta “ten sobradamente demostrado o seu compromiso con Viveiro; inviste máis no municipio que todas as outras administracións xuntas, incluído o propio concello”.

Así, explicou Balseiro, a Xunta destinou o pasado ano 6 millóns de euros de investimentos a obras e servizos no municipio, “investimentos reais que se suman ao orzamento co que sostemos todos os servizos básicos”. Neste sentido, o delegado incidiu en que a Xunta financia ao 100 por cento dotacións fundamentais como os colexios e institutos, o centro de saúde, a escola de idiomas, o Centro de Información á Muller, a gardería, os xulgados, o centro de formación ocupacional, a base de Gardacostas ou o Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia, entre outras moitas.

Só do Fondo de Cooperación, asegurou, “recibe 532.000 euros, máis do que lles corresponde co plan único da Deputación, sendo ademais unha contía que poden destinar ás obras ou servizos que estimen prioritarios”.

Balseiro subliñou que “manteremos esta aposta por Viveiro sen ningún tipo de dúbida; o que esperamos é atopar unha mellor disposición por parte do concello, porque así sería moito máis doado levar adiante os compromisos que adquirimos”.

Exit mobile version