Balseiro detallou que Portos de Galicia contratou os traballos de renovación do antigo pavimento de madeira e outros elementos nos pantaláns de Celeiro, Foz e Ribadeo, ao tempo que se instalará outro pavimento tecnolóxico de mellores prestacións e que achegará maior seguridade para os usuarios.
Igualmente, en Ribadeo repararanse as explanadas de formigón e adoquinado, atendendo as necesidades expresadas pola confraría de pescadores. No peirao de Porcillán vanse repoñer 120 metros cadrados de pavimento de lastro de granito e nos peiraos pesqueiro e comercial 524 metros cadrados de formigón.
A intervención en Burela inclúe reparacións nas fiestras e portas da oficina portuaria e outras actuacións solicitadas pola Asociación dos Xubilados do Mar, que ten alí a súa sede, como o mantemento do soportal de madeira e a execución dun rebaixe cun paso de peóns fronte ao local.
Tamén neste porto vaise acondicionar o revestimento de madeira dos departamentos de armadores, instalaranse novos carteis no acceso ás instalacións náuticas e arranxaranse os danos nos rexistros ou nas escadas do peirao comercial. Por último, na nova vía de acceso ao porto colocarase sinalización vertical para indicar a entrada e saída da zona portuaria, entre outros labores de mantemento.