Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra o Día das Letras Galegas con dúas actuacións. A da Coral Polifónica local o sábado e o concerto de Andrea Pousa o domingo

 Burela, 17 de maio de 2019. Burela celebrará o Día das Letras Galegas con dúas actuacións. O sábado, día 18, a Coral Polifónica de Burela comparitá escenario xunto ás corais de Mera e A Estrada a partir das 20:30 horas na Casa da Cultura. E o domingo 19 estará en Burela Andrea Pousa que ofrecerá un concerto ás 19:30 horas.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou hai uns días que “imos ter dous eventos musicais en conmemoración dese día importante para a cultura galega. O primeiro vai ser o sábado, 18 de maio, ás oito e media da tarde no auditorio municipal, onde imos ter o concerto das Letras Galegas, como fixemos en anos anteriores, coa Coral Polifónica de Burela máis dúas corais que veñen invitadas que son a Coral Polifónica Estradende, de A Estrada, e a Coral Polifónica de Mera, que é de Oleiros”.
O edil burelés engadiu que “o domingo 19 teremos o concerto de Andrea Pousa, ás sete e media da tarde. É unha cantante melódica lírica galega, tamén é actriz, e actualmente no panorama galego a nivel de canción melódica é unha das que máis está soando non soamente en Galicia senón tamén fora da comunidade”.
Díaz lembrou que “Andrea Pousa ten un disco en solitario, que acaba de sacar hai moi pouquiño que se chama Respirar, é o primeiro álbum seu, e tamén vai facer versións de cancións e de temas míticos da canción galega, como Negra Sombra, entre outros. Neste disco ademais de cancións interpretadas en galego tamén ten temas en portugués e en castelán”. Andrea Pousa pasou este mércores polo Concello de Burela para presentar esta cita coa súa música.
O alumnado da Escola de Música de Burela asistirá gratuitamente a este concerto, segundo subliñou José Díaz, o concelleiro de Cultura.

Exit mobile version