Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña gaña as eleccións sindicais do Sergas consolidándose como primeira forza

 Burela a 24 de maio de 2019. CIG Saúde A Mariña valora moi positivamente os resultados (aumento do número de votos e a obtención de 6 representantes sindicais) que considera consecuencia do traballo desenvolvido durante estes anos; da súa defensa inquebrantábel da sanidade pública da Mariña; do seu combate constante contra as políticas do Partido Popular, que suprimiu a Área Sanitaria, desmantelou a Atención Primaria, recortou os orzamentos provocando un grave deterioro non só das condicións laborais, senón tamén do propio servizo e impuxo unhas taxas de reposición que derivaron nunha grave falta de persoal. Unha situación que foron paliando as e os profesionais a custo de incrementar a súa carga de traballo para garantir a maior calidade na atención das e dos doentes.
Agradecemento.
“Non esquecemos a quen pertence de verdade esta vitoria. Perténcevos a vós, a vós e só a vós.Acollemos os resultados con humildade, responsabilidade e gratitude.Comprometémonos a seguir traballando con seriedade e rigor os próximos catro anos polos dereitos de todas e de todos, e tamén na defensa da sanidade pública da Mariña.Seguimos traballando, desde hoxe mesmo, xa que a loita continúa”, agradecen.
Defensa da sanidade pública da Mariña.
A Mariña é dende hai xa anos un dos epicentros das mobilizacións na defensa da sanidade pública, moi especialmente ao fío da reforma sanitaria do ano 2018, pero tamén para advertir de eivas cotiás como a falta de pediatras ou carencias no hospital.

Seguirán esixindo a “derrogación” da reforma da Lei de Saúde porque queren que A Mariña “sexa unha área sanitaria propia”, como a de Ferrolterra que, lembran, ten “similar número de habitantes” pero nin sequera tanta distancia como a que na comarca teñen ata o Hospital de Lugo.

“Esixiremos que se dote de recursos humanos e materiais aos nosos centros de saúde, que a ampliación de edificios veña acompañada da ampliación real de servizos e recursos humanos axeitados e unha sanidade pública de calidade, universal, gratuíta, integral, integrada, equitativa e de proximidade”, afirman.

“Na Mariña nos rendemos nin nos resignamos”, advirte a central nacionalista, “e denunciaremos e faremos fronte a deterioración constante que sofre a sanidade” na comarca e para “preguntarlle a quen dirixe a nosa sanidade onde están os máis e mellores servizos prometidos”.

Enfrontar a precariedade na sanidade pública

A CIG-Saúde leva anos alertando das graves consecuencias que a precariedade laboral ten na sanidade pública. Afecta directamente ao persoal que a sofre, porque se ve obrigado a sobrevivir con contratos por días ou por horas, cunha mobilidade e rotación constante por distintos servizos. Unhas condicións laborais que impiden ter un proxecto de vida, porque están a expensas de ser chamados para unha nova contratación.

Mais esta precariedade laboral tamén ten consecuencias no persoal fixo, porque ao non se dar cobertura a todas as ausencias aumenta a súa carga de traballo, provoca desprazamentos dun servizo a outro, e dificulta o seu traballo.

Tanto a rotación do persoal eventual, como os desprazamentos do persoal fixo teñen tamén consecuencias para o conxunto da poboación, usuarios e usuarias da sanidade pública. CIG-Saúde A Mariña, denuncia que se racha a continuidade asistencial “porque te atende persoal de atención primaria, facultativos de familia ou persoal de enfermería diferentes cada día” e matiza que “afecta especialmente á atención primaria onde a falta de persoal provoca non só sobresaturación e listas de agarda, senón tamén impide que se realicen tarefas propias como atención domiciliaria ou traballos na comunidade importantes”.

Por todo iso a CIG-Saúde avoga por un sindicalismo forte que defenda non só os dereitos das traballadoras e traballadores, senón tamén os intereses das mariñás e mariñaos e, para iso, comprométese a seguir combatendo a precariedade, as taxas de reposición, os recortes impostos polo PP e a súa política de privatizacións. Unha loita que continuará, agora co respaldo reforzado do persoal, ao que agradece que teña depositado novamente a súa confianza na organización sindical.

Exit mobile version