Site icon Crónica3.com A Mariña

Comunicado da Xunta sobre a necesidade de levar adiante, canto antes, as obras de prevención de futuros riscos de inundación no barrio da Xunqueira

Viveiro 17-5-19. As informacións facilitadas no día de hoxe pola alcaldesa de Viveiro en relación co estudo técnico elaborado pola Xunta para prevenir futuros riscos de inundación no barrio da Xunqueira, non se corresponden coa verdade.

Tal e como afirmamos onte, a administración autonómica agarda unha resposta oficial por parte do Goberno local tanto en relación coa alternativa escollida polo Concello para executar as obras preventivas, como tamén á oferta de colaboración feita pola Xunta para cofanciar estes traballos.

Así o demostra o escrito remitido pola directora de Augas de Galicia con data 23/04/2019 e que hoxe facemos público para despexar calquera dúbida.

Neste escrito a Xunta sinala que a Alcaldesa aínda non concretou a decisión sobre as obras a executar e a administración autonómica volve a ofrecer a súa colaboración para -da man do Concello e Deputación- executar as accións previstas en dito plan.

O estudo técnico acredita que é posible adoptar medidas de protección, recuperación e prevención ante futuros enchentes. Non facelo -insistimos- é un acto irresponsable, atribuíble en exclusiva a falta de vontade do Concello incapaz de defirse por unha solución que minimice futuros riscos.

Do mesmo xeito cómpre lembrar que a Xunta estivo desde o primeiro momento atendendo con medios propios as necesidades derivadas das riadas: con persoal e medios dos servicios de emerxencias, da axencia galega de infraestruturas (encargada de limpar e recuperar as estradas) e con persoal e medios de Augas de Galicia, colaborando incluso en espazos de competencia municipal e con obras e investimentos que superaron os 100.000 euros.

Con todo, a oferta de colaboración técnica e económica para acometer estas obras tan necesarias segue e pé. O que a veciñanza agarda das distintas administracións é que que traballemos para minimizar futuros riscos. Esta é a única vontade da Xunta.

Exit mobile version