Site icon Crónica3.com A Mariña

Diego Fernández, candidato á alcaldía de Cervo polo BNG, lanza en vídeo as cinco ideas básicas da formación nacionalista

Cervo, 21 de maio de 2019. O candidato á alcaldía Diego Fernández destacou que desde o BNG de Cervo se propoñen medidas “concretas e realistas” para converter o concello nunha referencia en habitabilidade, participación democrática, sustentabilidade e política social. Estas medidas articúlanse derredor de “5 ideas transformadoras para modernizar, dinamizar, recuperar poboación, facer un concello máis sustentábel e orgulloso dos seus recursos naturais e culturais, feminista, democrático, e que teña por bandeira a xustiza social”, afirmou. Para Fernández, “nós non presentamos unha lista da compra con medidas rimbombantes e illadas que despois acaban en saco roto; as nosas son ideas claras e coherentes co futuro que queremos para Cervo”. O candidato aludiu “ao modelo BNG que xa leva tempo funcionando con éxito en concellos como Ribadeo, Muras, San Sadurniño ou Allariz” como referente do que un goberno nacionalista podería facer en Cervo.
Fernández expón estas cinco ideas en cinco vídeos, dos que xa foron publicados dous nos perfís de Facebook e Twitter do BNG Cervo, tamén dispoñíbeis no Canal YouTube: 1 vivir e dinamizar. Pola recuperación demográfica e 2 Democracia, participación e transparencia. A formación nacionalista ten prevista a publicación dos tres vídeos restantes ao longo desta semana.
O candidato nacionalista comparou o voluntarismo, a ilusión, e o traballo apaixonado da candidatura que encabeza para trasladar á veciñanza as súas propostas, coa “petulancia e insolencia do PP de Cervo que repartiu nas vivendas do concello unha revista de 24 páxinas a toda cor, ou os vídeos electorais do partido nos que boa parte da veciñanza puido ver á traballadora de prensa do concello na súa gravación, no que é un uso fraudulento de medios públicos aos servizo do Partido Popular”.
Unha candidatura para acabar co clientelismo e a inercia de 20 anos de goberno do PP
A candidatura presentada polo BNG para as eleccións municipais conta cun total de once titulares e cinco suplentes, todas elas persoas moi vinculadas ao Concello e comprometidas coas melloras colectivas. A lista combina xuventude e veteranía, e tamén reflicte a realidade que padece o concello e o conxunto de Galiza, que obriga á marcha forzada fóra do lugar de orixe para poder gañarse a vida de maneira digna. O “exilio” cervense está representado na candidatura nacionalista porque só as políticas que defende o BNG poden reverter esta sangría empobrecedora.

Exit mobile version