Site icon Crónica3.com A Mariña

Edmundo Maseda responde ás “afirmacións incertas” e ás “mentiras” que lle atribúen outros candidatos

 O Valadouro, 23 de maio de 2019.- O BNG foi un socio leal durante estes 4 anos. Máis leal que algún compañeiro que agora pulula por aí como man dereita da dereita. Pero creo preciso puntualizar varias cuestións.

1.- O banco de libros o puxo en marcha a Alcaldía en colaboración coa dirección do colexio no ano 2013. O BNG non formaba parte do goberno local. Si é certo que foi un dos puntos do acordo para apoiar a moción de censura. Nunca o neguei. Pero como se soe dicir “ ao César o que é do César e a Dios ao que é de Dios”. O final o que importa é que o servizo está consolidado, funciona ben e seguímolo incentivando todos.

2.- A compra dos terreos do polígono fíxose con fondos propios mediante expediente de incorporación de fondos ao orzamento municipal aprobado en Pleno co voto de calidade do Alcalde, voto en contra do PP e abstención do BNG. Nunca mencionei que foran subvencionados por ningunha administración. As Actas dos Plenos son públicas.

3.- A localización do polígono non é “ hipotética”, posto que foi aprobada a modificación puntual das normas subsidiarias no Pleno en decembro do 2018, en base a un planeamento concreto. Co voto favorable, esta vez si, do BNG.

4.- As escolas deportivas están mais que implantadas. Son unha realidade, non unha proposta. E a piscina infantil está contemplada no Plan Único Provincial aprobado en comisión de goberna e a proposta da Alcaldía. É polo tanto un feito consumado.

Polo demais, alégrome en coincidir na maioría dos puntos dos programas de goberno. As cuestións importantes, moitas delas xa postas en marcha, interésannos a todos. Os meus respectos e saúdos cordiais ao BNG do Valadouro. Sorte amigos.

Non podo opinar o mesmo do Sr. Lamela. Este individuo leva 6 anos insultándome, chamándome mentireiro cada vez que abre a boca, que por certo foron poucas e malas, pois nestes últimos 4 anos, como representante da oposición, nin estaba nin se lle esperaba. Pero agora co regreso á primeira plana xa vexo cousas que non podo pasar por alto. A saber:

1.- (16 febreiro 2019) Na presentación como candidato nos medios asegura que gañou as eleccións no 2015 pero non puido gobernar. Mentira. As eleccións gañounas o PSOE por 20 votos máis, pero gañamos.

2.- “ O goberno local mantén paralizados moitos proxectos interesantes para o municipio que deixamos en marcha o PP”. Feito descoñecido. Non coñezo proxecto algún firmado polo Sr. Lamela, nin interesante nin sen interese, porque fora da pista de andadura non puxo en marcha absolutamente nada. Nada en máis de 20 anos na política local.

3.- O cemiterio e o centro social están sen rematar. Mentira. Están listos para adxudicar 46 columnas de 3 nichos, 138 nichos en total. O centro social está rematado. Non se inaugurou pola convocatoria das Eleccións Xerais do 28 de Abril.

4.- Declara que a cooperativa de vivendas non é boa porque os mozos e mozas non poderán afrontar a hipoteca. Mentira. Estes mozos e mozas están pagando mais de 300€ de aluguer e a hipoteca vailles saír por 218€. Supoño que Lamela sabe sumar…

5.- (25 abril 2019) Afirma que deixou o Concello saneado con 350.000€ e outros 150.000€ (superávit que non se pode incorporar no exercicio), que me atribúo méritos que non me corresponden como os 200 contratos, o incremento da natalidade, etc. Un concello saneado é o que deixamos nós. Acta de arqueo do 6 maio de 2019 por cambio de secretario. Nunha conta 708.391.67€, noutra 34.788,46 e noutra 186.047,33, así como unha pequena cantidade en efectivo. O Concello precisa uns 100.000€ mensuais para nóminas, combustible, luz ou reparacións, entre outras cousas Bote contas Sr. Lamela, de maio a decembro. A onde chegan o seus legado. A agosto nada máis. ¿sabe sumar?
Os 200 contratos de traballo están explicados no noso programa. Léao. O do incremento da natalidade: Sen comentarios, ridículo.

6.- Afirma que votamos en contra da gardería. Mentira. Votamos en contra de gastar os fondos do Plan E de Zapatero en financiar á Xunta, non en contra da gardería. Recórdolle que a Xunta de Touriño foi a que creou a “galescola”.

7.- En canto a méritos que non me corresponden, dicir que eu só falo do que fago eu e o meu equipo, mentres que o Sr. Lamela leva 20 anos vivindo dos réditos políticos de Eulogio Fernández Sampaio, o seu antecesor. Non fixo nada. Así que “seriedade e respecto” aplíquese o conto Sr. Lamela, polo menos respecte ao seu antecesor.

E por último, o 17 de maio sae á palestra o Sr. Lamela na prensa dicindo que propón un polígono industrial para Valadouro. Despois de 20 anos dáse conta. Despois de votar en contra da dotación de fondos para a compra dos terreos en novembro do 2019 e dicir que aprobou a modificación das normas cando foron aprobadas en decembro pasado. Quero pedir desculpas a tódolos veciños do Concello por entrar nestas disputas degradantes que me fan (e sen que sirva de precedente) rebaixarme a niveis nos que non me movo. Sóbranme argumentos para defender o meu traballo, pero ás veces é difícil aguantar tanta mentira e tanta insolencia.

Grazas a todos pola súa comprensión e polo recibimento que estou tendo en todos os fogares que visito. GRACIAS

Edmundo Maseda, candidato do PSOE á Alcaldía de O Valadouro

Exit mobile version