Site icon Crónica3.com A Mariña

Eduardo Chao denuncia prácticas de Edmundo Maseda na campaña

 O Valadouro, 23 de maio de 2019. Diríxome aos medios de comunicación para denunciar a actitude do alcalde do Valadouro, pois o señor Maseda está a incumprir as normas do xogo democrático na presente campaña electoral de forma reiterada.
De todos é sabido que en período electoral a lexislación prohibe certas prácticas relacionadas coa inauguración de obras e servizos públicos ou proxectos vinculados a estes.

Nesta campaña o señor Maseda non deixou de repetir ante a veciñanza que ten practicamente acabada a dotación dunha piscina infantil, cando a realidade é que as obras nin sequera comezaron.

Aparece este alcalde en todos os medios falando da creación dunha cooperativa de vivenda, e hoxe xoves, penúltimo día de campaña electoral, convoca unha reunión cos veciños interesados neste proxecto, aproveitándose da necesidade e a boa fe das familias que carecen de vivenda propia. A realidade é a seguinte:
Resulta demagóxico e contrario á verdade afirmar que o Concello posúe os terreos da hipotética cooperativa, pois a mecánica legal marca unhas pautas que o alcalde está a ocultar ou quizais descoñece. O terreo non se pode adxudicar directamente a cooperativa ningunha, senón que deberá saír a poxa pública. Do mesmo xeito, deberá producirse unha valoración pública en función do mercado, que non ten por que corresponder co prezo de compra, sobre todo se o terreo en cuestión provén dun embargo bancario.

Por outra banda, o histórico proxecto do polígono industrial tamén está a ser aproveitado polo alcalde do Valadouro como medio para conseguir votos a calquera prezo. Debemos aclarar de novo que os actuais terreos destinados a solo industrial foron adquiridos co remanente municipal, remanente derivado de mandatos anteriores ao do señor Maseda. Pese a proclamar hai anos aos catro ventos a promesa da colaboración doutros entes no proxecto, nin Suplusa nin Xestur apareceron no Valadouro para solucionar a carencia de infraestruturas industriais, polo tanto, o señor Maseda non foi quen de atraer aqueles cacarexados investimentos ao inicio do mandato, mesmo con despregamento de letreiros anunciadores.
Toda esta cerimonia da confusión só consegue a desafección dos veciños respecto dos políticos e das forzas políticas, pois ao sentirse enganada e defraudada, a veciñanza chega á conclusión de que todos os servidores públicos son iguais.
Desde o BNG queremos advertir aos veciños e veciñas do Valadouro de que non comunguen con rodas de muíño e que non se ceguen co fume que lles está a vender o señor Maseda, pois está utilizando temáticas tan sensibles como a vivenda, as infraestruturas destinadas ao lecer infantil ou o futuro industrial e laboral do noso concello.
Desde o BNG consideramos que cada voto representa un contrato asinado cun veciño ou veciña, polo que non andamos a prometer aquilo que non poidamos levar á práctica.
Entristécenos contemplar como outros candidatos ensucian a política abusando da credulidade dos veciños co único afán de manterse no poder.

Eduardo Chao González
Candidato do BNG á alcaldía do Valadouro

Exit mobile version