Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea reclama unha dotación completa do servizos de ambulancias nas comarcas de Lugo

 Lugo, 10 de maio de 2019.- O pasado 29 de abril a Xunta publicou os pregos do concurso público para o servizo de transporte sanitario urxente. Nas condicións desta convocatoria se explica que: “as ambulancias deberán dispor dun condutor en posesión do título de formación profesional de TES e outro/a en funcións de axudante, coa mesma titulación, como mínimo”. Pero desta esixencia a propia convocatoria elimina ás ambulancias de soporte vital avanzado de Foz e Monforte, que só contarán cun TES. A raíz desta publicación as deputadas de En Marea, Paula Vázquez Verao e Eva Solla presentaron unha interpelación ao goberno sobre o por que desta exclusión para as comarcas luguesas.

Segundo explicou Paula Vázquez Verao “A Xunta do PP continúa menosprezando ás comarcas da provincia de Lugo; é un desprezo á cidadanía das comarcas da Mariña e do sur de Lugo o recorte en persoal técnico das ambulancias medicalizadas”.

A deputada de En Marea sinalou que esta falta de dotación era especialmente acusada para A Mariña, “no caso de Foz, é un recorte inxustificado, por ser esta zona unha das peores dotadas en transporte sanitario urxente de Galicia”.

En sentido similar, a deputada de En Marea sinalou que para Lemos que o servizo tardou en chegar para a comarca e que hai unha clamorosa falta de ambulancias para todo ese territorio: “No caso de Monforte, foi un escándalo a tardanza en dispoñer unha ambulancia medicalizada para o sur de Lugo, cando só hai unha ambulancia asistencial básica por quenda en cada unha das bases (Monforte, Chantada e Quiroga); a ambulancia medicalizada é necesaria e unha demanda histórica, pero o PP debe explicar por que a Xunta concede menos dereitos á cidadanía de Lemos, Chantada e Quiroga que as do resto de Galicia, dotando a ambulancia nova cunha soa praza de persoal técnico”.

Eva Solla, vicepresidenta do Parlamento de Galicia, e Paula Vázquez Verao preguntan ao goberno:

– Por que se recorta no servizo de ambulancia medicalizada en Foz?

– Por que a Xunta trata como cidadanía de segunda á poboación da Mariña, no que ten que ver con transporte sanitario urxente?

– Vai a Xunta rectificar a súa política de recortes no transporte sanitario urxente de Foz?

– Se vai haber un aumento do orzamento do transporte sanitario urxente para a Mariña nos vindeiros anos, por que se recorta en persoal?

Exit mobile version