Site icon Crónica3.com A Mariña

Este mércores será presentada a Banda da Escola de Música de Burela, que se estreará o día do pregón das festas patronais 2019

 Burela, 20 de maio de 2019. Este mércores, 22 de maio, terá lugar a presentación da Banda da Escola de Música de Burela, que se estreará no pregón das festas patronais. No acto deste mércores, que dará comezo ás 13:00 horas na propia escola, participarán xunto ao alcalde e ao concelleiro de Cultura, o director da Escola e o director da Banda.
O rexedor burelés, Alfredo Llano, manifestou que “un dos obxectivos que tíñamos nesta lexislatura, a través da Escola de Música, era conformar unha nova Banda de Música que saíra da Escola e por fin se logrou. Non é doado a creación dunha Banda, pois ten o seu espazo e o seu tempo para que conte cunha calidade e cunha cantidade suficiente de compoñentes para que sexa boa”.
Llano anunciou que “este ano imos presentar a Banda de Música cando sexa o pregón das festas, vai actuar nese acto, e vai ser presentada diante dos medios de comunicación este mércores, día 22, ás 13:00 horas, na propia Escola de Música. Imos ver a presentación dos seus compoñentes e os instrumentos que van tocar”.
O alcalde dixo que “estamos moi contentos de ter logrado este obxectivo que nos parecía que debía ser prioritario na programación da Escola de Música. Así que imos completar unha etapa educativa e sobre todo algo que creo que vai ser moi bo para o pobo de Burela e ao mesmo tempo para reforzar a oferta da Escola”.
Llano: “Burela precisa un alcalde as 24 horas do día”
O alcalde, Alfredo Llano, declarou hoxe que “se está rumoreando por aí desde hai días que eu vou marchar para o Senado, cousa que eu nin me presentei para o Senado, nin nada de nada. Estou, como fan moitos partidos cando configuran as listas, como reserva, eu non me presentei directamente para nada”.
Para o rexedor “é unha intención clara de abrir un campo polo pobo como que son provisional e que vou con pouca intención de ser alcalde. Eu preséntome ás eleccións municipais co único propósito de seguir sendo alcalde e estar de alcalde os catro anos que corresponda, é así e non hai outra”.
Llano quere que “os veciños e veciñas teñan confianza nese aspecto, que non fagan caso cando din que me presento e pasado mañá xa me vou. Non é verdade, si se presenta un é con toda a responsabilidade e con toda a confianza para ser o alcalde de Burela. En todo caso e para que se saiba, como información xeral, un senador é compatible coa alcaldía. Houbo moitos alcaldes na zona, e hai agora mesmo, que son senadores e ao mesmo tempo son alcaldes. Eu penso que non prexudica para nada, senón que beneficiaría ao concello de procedencia”.
O alcalde fixp fincapé en que “a miña responsabilidade e a miña intención é clara, eu quero ser alcalde do Concello de Burela para toda a lexislatura, non andar movéndome por aí. Antes fun deputado provincial, pero tampouco quixen selo combinando as responsabilidades de Concello e da Deputación. Eu penso que Burela pola súa demanda, pola súa esixencia, polo que hai que facer aquí necesita un alcalde as 24 horas do día, polo tanto non creo que haxa máis posibilidades. Así que calma e dicir que a miña intención é clara, ser alcalde de Burela os catro anos, se saio elixido, claro”.

Exit mobile version