Site icon Crónica3.com A Mariña

Javier Castiñeira pide o voto para o PP porque é o único partido que garante un goberno estable para seguir transformando Foz

 Foz, 22 de maio de 2019. No mitin do Partido Popular de Foz celebrado hoxe, mércores, na Sala Bahía, o candidato á reelección para a Alcaldía, Javier Jorge Castiñeira, pediu o voto para a súa lista porque é a única que garante un goberno estable para seguir transformando Foz pois “a alternativa é un tripartito”.
“Estou moi contento de que como se está desenvolvendo a campaña e cada vez estou máis satisfeito co equipo que fixemos: experimentado e coñecedor de cómo está o Concello, por un lado; e por outro, caras novas que saben o que é traballar en asociacións de veciños e outros colectivos nas súas parroquias. O PP de Foz apostou pola frescura na súa lista e incorporou 5 independentes para ter un equipo plural e amplo”, manifestou Javier Castiñeira.
O alcaldable do PP engadiu: “estamos orgullosos do traballo feito nestes últimos 8 anos, e concretamente neste mandato leváronse a cabo múltiples actuacións importantísimas, algunhas delas históricas, como a aprobación do Plan Xeral, a humanización do centro da vila, a posta en marcha da residencia de maiores, a mellora de moitos parques infantís, a próxima actuación no colexio Número 1 e en turismo a creación de A Mariña Virtual e o Centro de Interpretación de San Martiño. Tamén se lograron grandes melloras noutros campos, como pasar de 25 dependentes atendidos no ano 2011 a 100 neste 2019. Isto fíxose cun goberno honesto e traballador, que soubo pactar e entender ao resto da corporación”.
Castiñeira dixo tamén: “queremos seguir mellorando, avanzando na humanización do centro urbano, concretamente nas rúas do Pilar e Cemiterio e na praza Conde de Fontao. Ademais este próximo mandato ten que ser o da construción da nova depuradora, para o que xa está avanzada a documentación técnica e os permisos, e hai que facer un auditorio, que é moi necesario posto que é unha demanda do eido asociativo e cultural do concello. Por todo isto hai que votar ao Partido Popular e tamén porque a alternativa é un goberno tripartito que paralizará todos estes adiantos. O único que agora mesmo é capaz de garantir o futuro de Foz cunha tendencia en positivo e con grandes transformacións é o Partido Popular”.

Exit mobile version