Nado na Casanova (Órrea) e residente en Chacín (Santa Marta de Meilán), incorpórase á política municipal co aval dunha participación activa na vida cultural do concello como membro da Asociación de Veciñas e Veciñas de Órrea e do club Arcasco-Carballal, que impulsa a recuperación dos bolos celtas.
“Decidín formar parte desta candidatura porque me gusta participar activamente na vida do Concello de Riotorto, traballando pola posta en valor do medio rural e a busca de alternativas para un asentamento da mocidade e do benestar social”, expuxo o candidato á alcaldía pola formación nacionalista.
Fernández impulsará un programa centrado en apoiar o potencial produtivo da agricultura e da gandeiría como proxecto de futuro para un municipio cunha poboación envellecida – 4 de cada 10 riotortenses son maiores de 65 anos- e cunhas rendas baixas altamente dependentes das pensións.
Con Luis Fernández , o BNG aspira tamén a “recuperar a axenda social” para o concello, despois de catro anos nos que o goberno do Partido Popular “transladou á veciñanza a factura da crise en forma de subidas nas taxas do lixo e impostos como o IBI”.
Os nacionalistas lembran que o Partido Popular eliminou a gratuidade do Servizo de Axuda a Domicilio, que se mantivo sen custe adicional para a veciñanza durante o goberno nacionalista, “nos peores anos da crise”.
Fronte a ese modelo, o actual goberno “segue con políticas de parcheo nos camiños dos pobos, con obras feitas a correr sen consultar coa veciñanza, sen consenso e sen estudos dos factores que inflúen na súa viabilidade e bo trazado, co deterioro da contorna e o gasto que iso supón”, critica Fernández.