Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro acusa ao PP de electoralista tralos anuncios de actuacións, nesta ocasión do emisario da ría

 Viveiro, 8 de maio de 2019. En política non vale todo e as mentiras son inadmisibles. Dende que o Partido Popular de Viveiro anunciou que Óscar Rodríguez sería o seu candidato á Alcaldía, vimos vendo como o PP utiliza esta canle para anunciar ou “re-anunciar” -por que adoitan ser proxectos xa publicados- obras e actuacións para Viveiro; así sucedeu cando Óscar Rodríguez falou do derribo dos galpóns do muelle ou do arranxo da estrada que une Viveiro co Valadouro.
Hoxe, o Sr. Rodríguez diríxese novamente aos veciños e veciñas de Viveiro a través dos medios de comunicación para anunciar que a licitación da retirada do emisario da ría se realizará nos vindeiros días e que vén de rematar a elaboración do proxecto técnico de ampliación da nova estación depuradora. Remata as súas declaración acusando a esta alcaldía de falta de interese por este tipo de obras e de desidia ante proxectos de máxima relevancia para Viveiro; isto é totalmente falso e non vou permitir que se minta ao respecto.
Ao longo destes catro anos, púxenme en contacto con Augas de Galicia en numerosas ocasións, remitimos escritos, realizamos chamadas de teléfono e asistimos a reunións, tanto co anterior director como coa directora actual. Realizamos todas as xestións posibles para conseguir o desbloqueo que se produciu na tramitación administrativa e realizamos todos os trámites que como concello nos correspondían para avanzar no mesmo; viaxamos ata Madrid para falar sobre este asunto na Dirección Xeral de Costas e, incluso, solicitamos a Jaime de Olano, como concelleiro e deputado nacional, que intercedese neste asunto.
Por todo isto, de falta de interese e de desidia nada, de nada; hai cousas que resultan inadmisibles.
Dito isto cómpre aclarar varias cousas, pois a información facilitada polo PP, ademais de incerta no que á miña xestión se refire, é sesgada e non explica certas cousas que os veciños deben lembrar.

En 2010 a Unión Europea esixiu o saneamento da ría de Viveiro e a Xunta de Galicia anunciou en 2011 que esta actuación estaría executada en 2015, cunha inversión de 5 millóns de euros. En 2016, un ano despois da data prometida, a Xunta indicou que esta obra estaría rematada en 2019, resultando novamente un prazo que, evidentemente, tampouco se vai cumprir. Creo que resulta indignante que o candidato do Partido Popular anuncie que o proxecto técnico para ampliar a depuradora está rematado ou que a licitación para a retirada do emisario se vai producir nos vindeiros días, como se dun logro se tratase, cando se trata dunha obra de vital importancia para o noso concello que debía estar rematada en 2019.
Na noticia publicada faise referencia, por un lado, á retirada do emisario e, polo outro, ao proxecto técnico para ampliar a depuradora. Como si que me intereso polos asuntos que atinxen a Viveiro, para que os veciños entendan cales son as obras que se van a levar a cabo, quero explicar que a actuación prevista para o saneamento da ría inclúe dous proxectos. O primeiro proxecto, con respecto a EDAR, inclúe unha nova balsa, un novo pretratamento e unha nova desinfección; o segundo proxecto supón a instalación dun novo emisario, a retirada do antiguo, unha nova estación de bombeo en Celeiro e un novo depósito.
A última vez que o concello solicitou información sobre este expediente, á empresa redactora do proxecto, foi a finais de marzo deste ano. Naquel momento, o proxecto relativo á EDAR contaba con todos os permisos e autorizacións e estaba pendente de aprobación como paso previo á licitación. Con respecto ao emisario, indicáronnos que había problemas con Patrimonio, polo patrimonio arqueolóxico mariño, ao esixir un estudo con buzos, prospeccións, etc. máis complexo que o previsto inicialmente, polo que houbo que encargar estes novos traballos. Non sei se o Sr. Rodríguez coñecía esta información.
Creo que con todo o exposto queda sobradamente demostrado que sobre este asunto non houbo desidia, nin falta de interese; estivemos pendentes do mesmo, realizando en cada momento as xestións que foron necesarias e solicitando información puntual sobre cada un dos pasos que se foron dando no expediente. Nos facemos todas as xestións que os nosos requiren e non queremos cansar aos veciños, cada pouco, con noticias de como está o procedemento, por que o que eles queren é solucións xa, pois levan dende agardando dende o 2016, cando se procedeu á sinatura de convenio referido. Hai que preocuparse polas necesidades de Viveiro sempre e non só cando falta un mes para as eleccións municipais e, sobre todo, informarse ben antes de falar.

A Alcaldesa
María Loureiro García

Exit mobile version