Site icon Crónica3.com A Mariña

Moñita fai chegar aos fogares burelaos unha publicación na que deixa en evidencia as promesas incumpridas do PSOE

 Burela 23-5-19. CxG fai pública a súa medida estrela como remedio contra a parálise do PSOE: Burela Aberta. E aproveita para repasar o programa co que gobernou Alfredo Llano desde 2015: 19 puntos incumpridos de 40. “De verdade é necesaria unha lista tan grande se non se vai cumprir?”, afirma o candidato Jose Luis Moñita Martin , que afirma que “queremos un Concello novo: honesto e aberto ao mar e ao investimento, á cultura e o lecer, á mocidade e á participación cidadá”.
Segundo Moñita “é importante que a xente teña memoria e recorde o que se lle prometeu fai 4 anos, e que se vexan os resultados obtidos. Neste caso o PSOE prometeu 40 puntos dos que 19 están incumpridos, 7 soamente de forma parcial e 1 deles non era competencia municipal. É dicir soamente cumpriron 13 puntos dos 40 prometidos”. Pero é que a maiores o PSOE de Llano e Ramiro mentiu probadamente en temas como o do pavillón, a EDAR, o lixo (polo que foi denunciado por CxG ante a fiscalía) ou o do encoro de Rúa. O señor Llano quere despedirse cunha nova mentira aos veciños cando di textualmente: “que eu saiba, o cargo de senador é compatible coa alcaldía”. Ao mellor o señor Llano está descolocado pero, que se saiba, preséntase polo PSOE, e o regulamento do seu partido impídelle compaxinar ambos cargos. El ben o sabe. Como sabe que segue a mentirlles aos veciños e veciñas de Burela.
Cústanos crer que o señor Llano vaia de suplente ao senado do único senador por Lugo que podería entrar no goberno de Sánchez, e que sexa por orde do partido, sen petición pola súa parte, porque estamos seguros de que non había candidatos dispoñibles para ese posto dentro do PSOE. Debeu ser casualidade tamén que se presentase ás primarias para elixir candidatos ao senado por Lugo pola agrupación burelá, primarias que perdeu. É probable que fora imposto e sen ou seu consentimento?

‘Burela Aberta’ contra a parálise e os incumprimentos de Alfredo Llano

Contra a parálise e os incumprimentos de Alfredo Llano, presentamos o noso proxecto estrela: ‘Burela Aberta’ é un concepto amplo, profundo e transversal de Burela a través do cal entre outras cousas abriremos Burela ao mar, porque incomprensiblemente Burela non contou nunca cun alcalde que soubera sacarlle o proveito e todas as posibilidades que ten a liña costeira para o pobo. Queremos que Burela non lle dea as costas ao mar, senón que o mire de cara e o aproveite para facer máis atractiva a vila.
É un concepto moi amplo, co cal queremos acondicionar locais, parques e praias, para que @s nos@s moz@s de 13 a 18 anos teñan espazo no que gozar coas amig@s e as novas tecnoloxías. Que teñan unhas instalacións que sexan referente para toda a mocidade da mariña. As nais e pais dos nenos e nenas ben saben do que falamos.
Con Burela Aberta queremos ademais facer da vila un centro de referencia para as actividades culturais e de lecer da mocidade e tamén para as persoas maiores. Todas estas actividades aportarán unha nova dimensión de actividade social e de riqueza para o concello, e sen dúbida axudarán ao sector hoteleiro e ao comercio. A mellor forma de xerar riqueza no pobo é traendo xente á vila, e que a xente fique aquí, basicamente porque aquí lles damos o mellor, o que merecen.
Queremos que Burela sexa un núcleo de dinamización e potenciación da actividade empresarial. Xa propuxo CxG facelo na zona da vía, en pleno centro do pobo para aproveitar mellor o desenvolvemento da actividade diaria, e das propias empresas.
Pero é que tamén queremos animar e apoiar aos veciñ@s para a revitalización de áreas e edificios que estean sendo pouco aproveitados, coa colaboración do Concello.
‘Burela Aberta’ aposta por construír un Concello máis aberto á veciñanza. Queremos que os nosos veciñ@s teñan voz verdadeira, decidan e se sintan escoitados.
Queremos que a xente de Burela participe dun xeito directo na creación dun pobo disposto mediante a colaboración cidadá.
A xente de Burela sempre demostrou a súa solidariedade e a súa capacidade para rexurdir nos momentos duros e difíciles e teñen visión de futuro, saben da importancia de inculcar valores e de coidar o común para ter un futuro prometedor. ‘Burela Aberta’ é un concepto vivo que debe seguir evolucionando en todo momento.

Exit mobile version