Site icon Crónica3.com A Mariña

Moñita propón un aparcadoiro subterráneo na estación de Feve e a creación dun centro de empresas na mesma área, para revitalizar o comercio en Burela

 Burela 12-5-19. O candidato de Compromiso Por Galicia á alcaldía de Burela, José Luís Moñita, propón a creación dun aparcadoiro subterráneo debaixo da estación de Feve como medida dinamizadora, “xa que existe espazo de sobra e sería unha forma inmellorable de defender o comercio en Burela, aplicando en conxunto uns descontos para os usuarios que compren no comercio da vila”.
“Dende o Concello faríamos todo o necesario para crear este aparcadoiro, aínda que como é lóxico teríamos que falar con ADIF e buscar o financiamento axeitado para iniciar o proxecto”, advirte Moñita que, ademais di: “Non imos caer no erro de prometer algo que aínda non podemos asegurar, xa que non temos nin os terreos ni o financiamento, pero si podemos prometer que imos facer todas as xestións posibles para que este aparcadoiro subterráneo e o viveiro de empresas sexan unha realidade”.
“Encima do aparcadoiro a nosa idea sería crear un viveiro de empresas que axude a dinamizar a economía local e que lles dea una oportunidade a baixo custo aos nosos emprendedor@s, autónomos e empresarios para pór en marcha os seus proxectos”, sinala o alcaldable de CxG.
A proposta pretende o financiamento do aparcadoiro a cambio da xestión do mesmo durante un período de tempo que “ben poderían ser de 50 anos ou mais en función dos custes”. Neste caso, a empresa concesionaria estaría obrigada a facer uns descontos no importe do estacionamento en caso de que se lles presente o ticket de algunha compra feita no comercio de Burela.
Esta defensa do comercio de Burela iría reforzada coa instalación duns paneis interactivos nos que se podería encontrar sobre todos os comercios de Burela, e que estarían situados en puntos estratéxicos como as inmediacións do Hospital, a propia estación de autobuses e trens, a praza da Mariña e algún lugar máis. Moñita ten claro que “a mellor forma de defender o Comercio en Burela e traer xente a vila é que esta xente teña facilidade para aparcar e moverse. Os comercios, co seu bo facer, xa se encargarán de aportar o resto. Por riba, si ao mercar algo no comercio de Burela tes o aparcamento gratuíto o moi barato, mellor que mellor”

Exit mobile version