Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG percorre as parroquias de Alfoz explicando as súas propostas para mellorar o Concello

 Alfoz, 21 de maio. O BNG está a percorrer día a día os domicilios de Alfoz, divulgando o seu programa de goberno para o concello, programa co que intentarán transformar e mellorar o concello, mellorando servizos e ofertando outros novos. Estas son as ideas principais do seu programa.
Concello Participativo, Transparente
Os concellos do BNG son baluartes de participación veciñal e transparencia. Impulsamos o asociacionismo.
Un concello accesíbel, das persoas, ordenado e seguro, adaptado á diversidade funcional e con espazos para o encontro e a vida en común.
Alfoz Emprendedor, Rural Vivo
Promoción do comercio, mercados tradicionais e de proximidade, e os produtos locais de calidade. Políticas de estímulo fiscal e incentivos financeiros, apoiando os sectores produtivos locais: forestal, agrogandeiro, apícola, hortifrutícola, madeireiro, e os emerxentes ligados á produción ecolóxica e tradicional.
Incentivaremos a persoas emprendedoras e empresas que queiran desenvolver as súas actividades en Alfoz. Valorización do patrimonio histórico e cultural, ferramenta para o desenvolvemento.
Mellorar os servizos no rural. Achegando tamén actividades culturais e deportivas. Traballando contra o despoboamento.
Benestar, Servizos Sociais
Aumentaremos os servizos sociais que combatan desigualdades, pobreza e exclusión social. Atención preferente á infancia, mocidade e persoas maiores, para conciliar a vida familiar e laboral.
Saneamento e auga potábel, limpeza de rúas, estradas e camiños.
Respecto polo medio natural
Coidando o patrimonio natural. Mellorando a xestión do lixo, reducindo, reciclando e compostando a materia orgánica para uso fertilizante.
Seguimento da limpeza das franxas de protección contra incendios, para seguridade das persoas e propiedades.
Igualdade, Cultura, Mocidade
Fomento dos valores que combaten as violencias contra as mulleres e a discriminación e marxinación de quen é diferente.
Fomento da lingua, da cultura e da creatividade local. Apoio e traballo directo coa mocidade: as mozas e mozos son presente e futuro no noso concello.

O ALFOZ QUE QUEREMOS, UN CONCELLO VIVO
Desde o BNG procuramos un Concello eficaz, con traballadores e traballadoras motivadas e comprometidas, que garanta á poboación uns servizos de calidade, desenvolva unha xestión áxil e transparente, garanta a equidade e atenda con especial coidado ás persoas e colectivos máis vulnerábeis.
Queremos estar en contacto directo co movemento asociativo, e tamén cos veciños e veciñas das parroquias, para abordar as necesidades do noso rural e tratarmos de axudar á fixación de poboación no rural. Un concello que aposte claramente pola mocidade, por traballar con ela para definir proxectos de mellora colectiva.
Como nacionalistas, defendemos claramente os sectores produtivos do país e promovemos o comercio local, os mercados tradicionais e de proximidade e os produtos locais de calidade. Apostamos en Alfoz polo sector forestal e madeireiro, o agrogandeiro, a apicultura e a hortifruticultura, mais tamén queremos ollar cara ao futuro ao apostarmos polas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Queremos un sector económico local modernizado, que ofreza calidade mantendo a súa identidade.
Apoiaremos os sectores produtivos locais e as iniciativas que manteñan postos de traballo. Incentivaremos a persoas emprendedoras e empresas que queiran desenvolver as súas actividades en Alfoz. Sen perder de vista sectores económicos emerxentes ligados á produción ecolóxica e tradicional.
Aproveitaremos os recursos paisaxísticos, patrimoniais e históricos para incentivarmos o desenvolvemento local e turismo rural. Conservando os recursos e xestionándoos con intelixencia poderemos xerar novas ofertas económicas, atraer máis visitantes e beneficiar outros sectores locais como a hostalaría, o comercio ou os sectores madeireiro, forestal e agrogandeiro, a apicultura e a hortifruticultura ao promover o consumo de produtos locais.
Apostamos pola ampliación e mellora dos servizos públicos que ofrece o concello, moi insuficientes. Deberá desenvolverse a rede de sumidoiros e as traídas de augas no rural, mellorar a cobertura de telefonía móbil e internet e garantir servizos básicos de transporte e de atención á dependencia.
Fronte á inercia, ofrecemos outro xeito de facermos as cousas, que resolva os problemas da xente, que conte coas grandes posibilidades que ofrece o noso concello, en constante diálogo cos distintos axentes sociais. Temos un proxecto político coherente que se puxo en práctica en moitos concellos do país e que foi amplamente recoñecido. Allariz, Pontevedra, Carballo, Muras ou Ribadeo, son concellos BNG que teñen sona dentro e fóra de Galiza. Alfoz tamén pode seguir o ‘modelo BNG’.
É o momento de construírmos un concello vivo, Alfoz verde, integrador, máis xusto e con máis futuro, dinamismo, igualdade e benestar.

Exit mobile version